O demo e o profundo mar azul

O demo e profundo mar azulÉ un pracer ler a Eva Moreda. “O demo e o profundo mar azul” é unha novela curta de homenaxe á diáspora é mais a música, a historia dun galego que marchou a América nos anos 30 co saxo da parroquia baixo o brazo para converterse nun dos referentes do Jazz. A narración está trenzada como si se tratara dos temas da banda sonora da súa vida. Eu funa lendo co acompañamento musical dos mitos dunha época gloriosa. O dito, un pracer.

Advertisements

Izan o da saca

izan o da sacaCando era novo non existían as redes sociais para establecer un nexo virtual entre lectores, a libraría era un punto de encontro indispensábel para ir artellando os gostos literarios. Coa axuda dos asiduos e as orientacións dos libreiros, íamos descubrindo as nosas querencias cara a un ou outro autor. Unha mágoa que se fose esquecendo este xeito de comercio intelectual. Xa case non quedan eruditos na venda, e os escasos bibliófilos que agochan o seu saber tralo mostrador son unha especie en extinción.

Hoxe as compras pola internet ou a inercia de escoller unha lectura mentres mercas o deterxente nunha grande superficie, remataron co pracer desas pequenas tertulias literarias. O conto é que cando quedo orfo de libro sigo recurrindo a eses espazos máxicos para atopar un sustituto vivo que pousar nas mans; alí fago algunha observación sobre os textos que vou rematando e mergúllome nas novidades lendo anacos das obras, nunca a sinopse, e de cando en vez pido que me fagan algunha suxestión.

Velaí “Izan o da saca“, a derradeira sorpresa. Un libro de Xabier Quiroga dos que non che deixan parar de ler, adictivo dende a primeira páxina, cun ritmo trepidante e persoaxes sedutores. Estou convencido de que o detetive-taxista “Reiniña” vaise converter nun referente da literatura galega, un descubrimento na liña de Anibal C. Malvar, Domingo Villar ou Suso de Toro… e abrindo un pouco a xeografía, o Eduardo Mendoza patrio.
Pedazo de novela chea de humor, intriga e compromiso, baseada nunha investigación a prol da presenza nazi na Galiza da posguerra, Xabier creou unha fascinante “pseudonegra” de lectura obrigada. Moi recomendable.

De seguido, podedes ver en vídeo, un roteiro pola zona onde transcorre a novela.

17 de maio- Día das Letras Galegas

Desta volta, para participar na conmemoración do Día das Letras Galegas, decidimos facer unha pesquisa de recursos sobre Mª Victoria Moreno e presentalos dun xeito algo diferente.

Ao mesmo tempo, tamén pretendiamos unir esta conmemoración con outra que se celebra o mesmo día, 17 de maio, pois, noutros eidos, é o día da Internet. Para iso, presentamos unha parte dos recursos en formato de códigos QR. Para podelos ver tes que ter no teléfono móbil unha aplicación para ler estes códigos. Tanto na App Store (para IOS) como na Play Store (para Android) hai lectores de balde.

Velaquí tedes unha pequena escolma dos que foron colocados por todo o centro. Hai dende vídeos, enderezos de internet ou ligazóns a Pinterest e á Galipedia


Vídeo da RAG sobre a autora

 

 

 

 

 

 


Vídeo realizado polo do concello de Pontevedra 

 

 

 

 

 


Vídeo do CPI Os Dices-Rois, onde os rapaces confeccionan un TeleXornal.

 

 

 

 

 


Ligazón ao artigo de Mª Victoria Moreno, na Galipedia


Ligazón ao Pinterest, onde se atopan carátulas de moitas das súas obras.

LETRAS GALEGAS 2018

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2018

O IES Lucus Augusti conmemora o Día das Letras Galegas 2018 adicado á escritora estremeña María Victoria Moreno (antiga profesora neste centro) con diversos actos.

Comeza cunha exposición adicada a aqueles escritores que foron homenaxeados no seu día con esta distinción para continuar cunha charla de Marilar Aleixandre, membro da Real Academia Galega, sobre a súa obra “A Expedición do Pacífico” e para facer unha semblanza da autora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Estos actos continúan coa exhibición dunha pancarta alusiva ao día especificado así como unha exposición de carteis coa vida e obra da homenaxeada.

Para completar a celebración colócanse carteis con códigos QR polo instituto con información relativa ao Día das Letras Galegas así como da propia María Victoria Moreno.

La lección de August – Wonder

Hai libros imprescindibles porque están ou serán literatura, con maiúsculas. Hai outros que son imprescindibles porque nos obrigan a confrontarnos coa realidade.  “La lección de August” é un destes libros, que quizais non é o mellor que se escribiu pero que sirve para a formación individual de cada un de nós.

Foi escrito por Raquel Jaramillo Palacio (asina como R.J Palacio), escritora estadounidense de orixes colombianas, aló polo 2012. Varios anos despois está de moda porque hai unha película estadounidense “Wonder” que o leva ás pantallas.

Trata dos problemas dun rapaz -August- que presenta unha malformación facial que provoca un certo rexeitamento entre as persoas. O problema radica cando remata a súa etapa escolar do que aquí sería a primaria, e ten que decidir se vai ao instituto ou queda na casa para segui-los estudos indidivualmente e illado de todo e de todos.

Os seus problemas pódense extrapolar a moitos de nós. Ás veces somos discriminados por ser gordos, ou por ser mulleres, ou por ter outra cor, ou por ter outro aspecto. Este libro tamén trata diso. Recomendable para a xente nova.

 

Fractura

FracturaQuedeime ancorado en “La vida en las ventanas”, non volvín a Andrés Neuman ata esta “Fractura” e laméntoo, sempre se cruzan lecturas entre desexos e vas abandoando promesas de reencontros, que no meu caso quédanse nun listado virtual que xamais terei tempo para baleirar.

Neuman é un grandísimo narrador e a súa última obra é un xogo entre a novela e o xornalismo reivindicativo, un manifesto antinuclear agochado na historia dun supervivinte de Hiroshima e os relatos en primeira persoa de 4 mulleres en 4 cidades que compartiron distintos momentos da súa vida, un trenzado sociocultural que xoga coas sutilezas da comunicación humana a través da linguaxe.

De cada libro quédame unha lembranza, cando menos unha, se isto non ocorre é que pasou pola miña vida como os centos de persoas coas que me cruzo cada día, obsérvoas pero non as inclúo nos meus recordos. De “Fractura” quedarame un concepto, a palabra á miña idade estou seguro de que se desvanecerá, o “Kintsugi”, unha arte xaponesa que reconstrúe pezas rotas facendo visibles as súas fendas con láminas de ouro, unha metáfora da vida que se destrúe e recompón nunha sinusoide ineludible, algunhas persoas empéñanse en disimular os anacos que conforman a súa historia, cando o verdadeiramente fermoso é mostralos como deslumbrantes fracturas. Eu son un home roto en mil pedazos, un kintsugi.

Os fillos do mar / Os fillos do lume

os fillos do mar“Os fillos do mar” é a ópera prima de Pedro Feijoo, a súa primeira edición tivo a súa enxundia ao producir un conflito entre os malvados críticos e os compracentes lectores, que pasaron por riba da erudición literaria sen contemplacións, chegando a convertelo nun éxito brutal con 8 edicións entre 2012 e 2015. Non é que sexa unha magnífica novela, pero se consegues pasar as cen primeiras páxinas, que se fan algo tediosas, atópaste cun thriller mistura de novela histórica, suspense e mesmo unha aventura de piratas que te transporta á candidez lectora dos dezaseis anos, onde perdoabas calquera falliño se viña impregnado de divertimento. Non é ningunha sorpresa que se convertira nun libro insignia para o fomento da lectura entre os máis novos. A min fixome lembrar unha das travesías pola costa da morte, na compaña dun lobo de mar que ía relatando na viaxe vellas historias dos innumerábeis naufraxios que aconteceron por mor desas agullas do diaño que fenderon o bandullo de centos de embarcacións nas costas galegas, aínda hoxe, eses baixos agochan algúns pecios que seguen sendo obxecto de desexo para os novos piratas do mar.
Volvendo ao libro, pasei uns boísimos ratos recuperando isa maxia da literatura adolescente. Recomendable.
os fillos do lume“Os fillos do lume” é a secuela de “Os fillos do mar” e tenme toda a pinta de ir rachar novamente no mercado editorial, outra novela negra dunha inxenuidade adolescente que, sen dúbida, fará furor nos institutos. Detrás dun traballo de investigación aprol da reconquista viguesa Feijoo constrúe unha nova trama de intriga coas persoaxes do arquitecto Simón, a historiadora Mariña e o inspector Bruno como protagonistas. Outra novela de lectura doada, sen complicacións narrativas e dirixida con toda a intención aos lectores noveles. Arrasará.

Visita de alumnos de 3ºESO PMAR ó vello cárcere.

Se as paredes falasen…

Quen non dixo estas palabras nalgunha ocasión? Resulta inevitable entrar no vello cárcere de Lugo e non formular este pensamento. Ás veces ocorre. Unha celda chea de nomes silenciosos e silenciados e de súpeto ás nosas costas unha voz queda di:  “ahí está el nombre del abuelo de mi mujer”.

Imos dar unha clase de historia e a historia sae ó paso para darnos  unha lección. Enma Otero Correa, neta do xuíz de paz de Cervo asasinado o 10 de novembro de 1936.

Os alumnos escoitamos. Agora os feitos dos libros teñen nome e apelidos. Enma mostra a fotografía de seu avó. Fala de guerra, de sufrimento, de medo, de ostracismo. Pero por riba de todo fala de memoria. Memoria para non esquecer. Memoria para comprender.

E repite vencida, que non derrotada, pola emoción: “por favor, eduquen a estos niños para que no hereden el odio, porque el odio se hereda”. O seu testemuño dá consistencia ó vello cárcere, tan limpo, tan pulcro na súa restauración que semella sacado dun anuncio de xoguetes.

Na despedida, intercambio de números de teléfono, fotografía , agradecemento. Pero sobre todo, unha gran débeda, intentar dar cumprimento ó rogo de Enma. Así sexa. Somos xente de palabra.

A Enma e Carlos na súa visita ó cárcere de Lugo. Grazas.

Paz F. González (Departamento de Historia).

Mudar o conto

mudar o contoOs contos son transmisores da cultura, agochan o sentido da ética e da moral e provocan pensamentos automáticos que contribúen a asentaren atitudes dunha xeración a outra. Moitos dos estereotipos son inoculados a través de relatos e filmes infantís cunha falsa apariencia de inocuidade.

O video forma parte dunha experiencia con rapaces e rapazas, nunha campaña de sensibilización respecto á violencia machista, desenvolvida pola organización “Little Revolutions” que pretende amosar como a historia da “Carapuchiña Vermella” é un caso evidente de agresión sexual naturalizada nun conto universal e aparentemente inocente, de xeito que se está a perpetuar de forma continuada un abuso que é normalizado e interiorizado polos mais novos.