Promoción 2012 (2ª parte)

Despois de moitos días de exames e nervios e atender tamén moitos asuntos, chegou o momento de colocar o videoclip que realizaron, entre outros, os alumnos de 2º BAC Adrián Luaces e Elena Rodríguez para alegrarnos uns instantes o acto de Graduación de 2º BAC desta promoción de 2012. Agardamos que os novos destinos nas diferentes facultades sexan tan divertidos, como estes pasados no IES. Sorte a todos. Que os disfrutedes. Ah, e non vos asustedes polas primeiras imaxes, que son algo irregulares, pero “o mellor vén de contado”.

[kml_flashembed publishmethod=”static” fversion=”8.0.0″ movie=”http://bibliolucus.blogaliza.org/files/2012/05/Graduación-2012-lucus.swf” width=”470″ height=”420″ targetclass=”flashmovie”]

Get Adobe Flash player

[/kml_flashembed]

Advertisements

Hoxe recomendamos: Murado

Xa temos as primeiras colaboracións de libros que nos gustaron. Nesta ocasión, unha profesora, Araceli, recomenda o libro de Miguel Anxo Murado, “Otra idea de Galicia“.

Para min foi unha delicia a lectura do libro Otra idea de Galicia do lugués Miguel-Anxo Murado. Chegou ás miñas mans grazas a unha amiga. Axiña o recomendei á miña vez e, sen excepción, todos os que o lían desexaban comentarme o moito que lles gustara.

Tres son as razóns básicas que me animan a recomendalo encarecidamente: en primeiro lugar, a súa amenidade, baseada nunha linguaxe actual, dinámica e nada academicista. En segundo lugar, pola visión que ofrece de Galicia, rompendo tópicos e buscando entender a esencia profunda da nosa terra e xentes. E, finalmente, porque aprendemos sobre as múltiples realidades de Galicia de xeito reflexivo, sen deixar nunca de gozar coa ironía e a boa escritura do autor.


Se queres máis información, podes comezar pola web do propio autor, onde fai un pequeno comentario sobre este e outros libros escritos por el. Que os desfrutedes.

Promoción 2012

Aínda que estes días non respiramos tampouco nós polos exames de 2º de BAC, as notas, as avaliacións… achamos un anaquiño de tempo para facérmonos eco da nova aparecida no xornal “El Progreso“.

Nela faise un pequeno comentario sobre o acto de graduación dos compañeiros de 2ºBAC que, xa despois, na noite de troula, están a preparar os exames de Selectividade. De momento, poñémosvos algunha das súas imaxes e a ligazón da noticia. En breve, teremos as nosas fotos do acto.

Museo de Lugo-Exposición de Blas Lourés

No Museo Provincial de Lugo durante este mes e até o 17 de xuño exporase a obra pictórica da carreira do Fillo Predilecto de Lugo, Xesús BLAS LOURÉS. O pintor é o último representante vivo da chamada  “Xeración  dos Urogallos“, que englobou a xente tan destacada como Tino Prados, Tino Grandío, López Guntín… en pintura e que, estivo tan relacionada coa intelectualidade (Uxío Novoneira, Fole, Pimentel … e tantos grandes) e; estando toda a súa obra tan centrada en Lugo, Quiroga, A Riveira Sacra, o rural galego … semella IMPRESCINDIBLE unha visita á devandita exposición.

Blas Lourés-Sestiña (1979)

Aínda que a exposición ten interese dabondo para calquera afeccionado ou non á pintura, tamén debemos salientar aquí que o día 5 de xuño, ás 8 do serán, no Museo, haberá tamén unha Mesa redonda sobor da obra pictórica de BLAS LOURÉS en relación coa Literatura, a cargo de Paco Martín (mestre e escritor), Camilo Gómez Torres (antigo catedrático do noso centro), Antonio Reigosa (autor de “Lu e  Go sobre a muralla” e traballado no Departamento de Didáctica do propio museo provincial) e o propio pintor Blas Lourés.)

De momento, para ir abrindo boca, podes botarlle unha ollada ao seguinte artigo que está na web do Museo sobre o pintor.

17 maio 2012- Día das Letras Galegas

Por se aínda é necesario, semella que si, argumentar para defende-la lingua, aquí temos un video da autoría de Manuel Núñez Singala e de Manuel Bermúdez Blanco (do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela), no que se refieren ao papel das linguas e ao galego como lingua minoritaria.

Que opinas?

17 de Maio- Día das Letras Galegas e da Internet

Xa faláramos, noutras ocasións, sobre a feliz  coincidencia nos 17 de maio como Día das Letras Galegas e como Día da Internet. Este é un campo fundamental para que a lingua perviva, se ten que pervivir. Por iso, hoxe colocamos esta imaxe publicada en tecnoloxía.org na que se unen esas dúas ideas: galego+internet.

Día das Letras 2012- Valentín Paz Andrade

Despois de navegar un pouquiño na rede, realizamos unha escolma con materiais para traballar a figura de Valentín Paz Andrade, autor a quen se lle adica este ano o Día das Letras.

O CEIP Condesa de Fenosa propón este xogo de preguntas e respostas sobre o Día das Letras Galegas que traza un itinerario dende a súa xénese ata os nosos días. Dous xogadores poden poñer a proba os seus coñecementos competindo dunha maneira lúdica e didáctica. A xogar!
Webquest do IES de Fene sobre a figura, vida e obra de Valentín Paz Andrade, para a ESO. 
Ligazón directa ao artigo biográfico da Galipedia sobre de Valentín Paz Andrade.
A Coordinadora de ENDL ofrece este mapa conceptual en formato pdf, para poder facer una resumo rápido da súa relevancia como persoeiro fundamental da vida galega na súa época. Atende sobre todo ó seu labor como empresario e político.
Caderno de aula, en formato pdf, que inclúe biografía, bibliografía, escolma poética e actividades sobre a vida e a obra do autor. Autoría: rogosece

Liña do tempo sobre os feitos máis relevantes da vida de Valentín Paz Andrade, fornecida polo IES San Paio de Tui.
Outra webquest, neste caso dende o IES “Ribeira do Louro” d’O Porriño; para 2º ciclo da ESO e 1ºBAC.

_________________________________________

Con todo isto, xa hai material abondo para poder traballar a súa importante figura. Damos as grazas os centros e os seus profes por compartir todo isto  que ten unha enorme calidade. Que os disfrutedes.

Doodle do “Día das Letras”

Si podemos. Hai ocasións nas que un fracaso sabe a victoria e unha victoria a fracaso. Explicámonos. Hai poucos días, navegando por este oceáno que é a Internet víramos unha inciativa de Juan Estévez Pin, datada en febreiro, que nos chamou a atención.  Na web de actuable.es puxera unha petición para que o todo poderoso Google  adicara un “doodle” o día 17 para festexar o “Día das Letras”, e dar máis visibilidade á nosa lingua. Claro! Por que non? Isto fora, máis ou menos, o día 1 de maio. Xa levaba máis dun mes cando víramos tal iniciativa e asináramos a carta. Fumos o asinante 2.826, como se pode ver na captura de pantalla da nota anterior.

Comentamos a iniciativa entre compañeiros e na rede do PLAMBE porque o tempo urxía se se quería chegar ás 5.000 sinaturas necesarias para manda-la carta. Lembrade era o día 1 de maio. A comezos desta semana, 10 días máis tarde, a web de actuable.es  estivo medio parada ao ser absorbida por change.org, unha web semellante pero maior. Xuntouse todo e pasou o tempo que había para que a petición fora tida en conta pero, mentres tanto, a xente seguía a asinar. En a penas 7 días pasouse de  menos de 3.000 a máis de 7.000. É dicir, moitas persoas participaban deste proxecto e vían necesario este tipo de actuación.

Agora que xa pechou o prazo supéranse as 7.000 sinaturas. Máis que suficientes para podelo ter levado a cabo. Para pedir a Google que abra unha fiestra internacional ao galego. Para pedir, incluso,  que todos os seus programas poidan ser empregados en galego, en igualdade con outras linguas.

Foi mala sorte, pero habemos ser positivos. O vindeiro 17 de maio, estaremos alerta e contamos con todos vós para non sermos 7.000, senón moitos máis. Ánimo e “mil primaveras máis para a lingua“.

Exposicións

Vén de rematarse a exposición levada a cabo conxuntamente polos Departamentos de Alemán e de Francés para o alumnado de 2º e 3º da ESO, titulada “Outras linguas, outras culturas“. Nela traballáronse diferentes aspectos sobre a cultura dos países que teñen esas dúas linguas. Así apareceron murais sobre o cine francés con achegas sobre a película “Os rapaces do coro”, ou sobre o protagonista da recente e premiada “The artist”, ou sobre Xoana de Arco. Tamén había outros sobre a empresa suíza Nestlé (as linguas oficiais da Suíza son o francés, o alemán, o italiano e o romanche), e sobre os irmáns Grimm.

Por se non tivestes oportunidade de velos, ou de que os viran os vosos pais, aquí queda unha pequena escolma animada.

[kml_flashembed publishmethod=”static” fversion=”8.0.0″ movie=”http://bibliolucus.blogaliza.org/files/2012/05/Outras-linguas-outras-culturas.swf” width=”500″ height=”350″ targetclass=”flashmovie”]

Get Adobe Flash player

[/kml_flashembed]

Nova sección: Hoxe recomendamos…

Inauguramos unha nova sección na que pretendemos que unha persoa da nosa contorna nos recomende un libro ou unha película. Non é preciso que sexa un libro moi sesudo de “literatura”, que tamén pode ser, senón un libro que teña lido recentemente que lle gustara por calquera razón. E igual coa película. Queremos que sexa totalmente subxectivo pois cada un de nós temos os nosos gustos e non sempre teñen por que ser compartidos. Agora ben, en ocasións, levamos sorpresas.

E trátase diso. Un libro ou unha película que eu non lería, ou non vería, pero que pola insistencia dalgunha persoa próxima, accedo a esa obra e resulta que é interesante. Tenme pasado nalgunha ocasión. E seguro que tamén a vós.

Tamén procuraremos dar algunha información ou algunha indicación máis, a partir de ligazóns na internet, sobre ese libro ou esa película, de tal xeito que, así, poidamos enriquecer aínda máis a nosa experiencia e, quizais, nos poida servir de fontes de información.

De seguido comezamos coa primeira. Tamén se admiten recomendacións e comentarios. Cantos máis haxa, máis divertido será. Ánimo e a participar.