Exposición “Material escolar antigo”: II

Unha notiña para comentar que onte tivemos un pequeno momento de gloria, pois o xornal da nosa cidade “El Progreso“, menciónanos xunto con outros institutos, tamén de Lugo, como motivo de orgullo polos premios, este é o caso do IES “As Mercedes”, -parabéns para eles polo premio acadado- ou por actividades que desenvolven e que, no xornal, consideran dignas de mención.

No noso caso, refírese á “Exposición de Material escolar antigo“, que organizada pola Biblioteca, e aproveitando os fondos que temos tanto na Biblioteca Histórica coma no Arquivo, se pode ver estes días. Xa con anterioridade tiñámonos referido a como, sobre todo entre os pais, provocara unha certa curiosidade  ver moitos dos obxectos, libros ou materiais que eles tiveran e manexaran cando moitos deles estiveran no noso instituto cando eran adolescentes..

Para ver a referencia completa da noticia, preme na fotografía que apareceu no xornal, e na que unha profesora explica a varios alumnos os usos do material e curiosidades diversas sobre os libros antigos.

Exposición material antigo na escola

Advertisements

Exposición “Pano de fondo”: II

Como o prometido é débeda, aquí temos xa as fotos da exposicións de “Pano de fondo”. Fáltannos tan só as composicións que aínda se están a facer. Que as desfrutedes.

[kml_flashembed publishmethod=”static” fversion=”8.0.0″ movie=”http://bibliolucus.blogaliza.org/files/2012/10/Pano-de-fondo1.swf” width=”500″ height=”400″ targetclass=”flashmovie”]

Get Adobe Flash player

[/kml_flashembed]

Exposición “Pano de fondo”

No Centro Sociocultural de NovaCaixaGalicia estase a celebrar unha exposición de fotografía titulada “Pano de fondo. Achegamento á fotografía de estudio 1880-1960“. Como o nome indica é unha escolma dalgúns dos principais fotógrafos dalgunhas vilas galegas (Laxe, O Porriño, Monforte…) e nas que aparecen ordenadas por temas: vodas, primeiras comuñóns e fotos de escolas, e retratos de persoas da vida rural e urbá desa cronoloxía.

Aproveitando esta oportunidade, desenvolveuse, entre parte do profesorado que comparte as clases de 3º con horas de Biblioteca, unha actividade na que participaron todos os alumnos de 3º da ESO -houbo que facer dúas quendas porque eran moitos- que consistiu en ve-la exposición e escoller a fotografía que máis lle chamara a atención e ter que facer unha pequena exposición argumentativa por escrito sobre o motivo da escolla.

Nestes momentos, estase a desenvolver esta segunda parte da actividade, pero a través das fotos que tedes a continuación pódense observar algúns dos fondos máis relevantes desta nosa historia recente. Dende aquí animávosvos, a todos os que teñades oportunidade, para ir vela porque é moi interesante. Estará aberta en Lugo até o 18 de novembro.

Premendo na imaxe, podes descargar o folleto de man. Nos vindeiros días, xa teremos preparado un pequeno carrusel de fotografías.

Exposición: “Material escolar antigo”: I

Xa está instalada a primeira exposición deste ano, titulada: ” Material escolar, que ya es historia”. Estará presente no vestíbulo do Centro e consta de pezas que pertencen tanto ao Arquivo como á Biblioteca Histórica do noso IES e outras que foron cedidas por varios profes. En breve, comezarase coas visitas guiadas ao diferentes grupos pero xa se pode dicir que a parte da natural curiosidade entre o alumnado máis novo, para o que varias das pezas resultan descoñecidas, o público entre o cal o triunfa de xeito clamoroso, é o dos pais. Por que será?

De momento, poñémosvos aquí o cartel, que foi realizado por Miguel Ángel, un dos profes de Plástica do Centro. Bonito, non si? Nos próximos días subiremos un pequeno carrusel con fotos.

Nova páxina

Xa está aberta unha nova páxina no blogue, titulada “Libros clásicos“. Está na cabeceira do blogue e é unha páxina pensada, fundamentalmente, para os alumnos de 2º de BAC, na que poderán atopar obras clásicas que están pola “arañeira” adiante, colgadas por institucións públicas ou editoras e que non teñen dereitos de autor. Son libros como o da imaxe, o ” Quixote”, Hamlet, o Cántico Espiritual etc…

Recompílanse aquí, para que se descarguen no ordenador, na tableta ou, mesmo, no teléfono móbil e sirva como outro medio ou outra opción no momento de ter que traballar determinados textos para esas materias de 2º de BAC, como Literatura Universal, por exemplo. Por suposto, tamén na Biblioteca, no apartado de “Lecturas obrigadas” hai exemplares físicos, mais nunca son os suficientes. Como diciamos anteriormente, é outra opción.

 

 

Novo curso

Por fin comezamos co novo curso. A parte dos atrancos propios do momento, este ano comezamos coa apertura da Biblioteca un pouco máis tarde porque, como moitos de vós vistes, cambiamos o solo da Biblioteca.

Foi unha obra algo complicada de máis pois quixemos manter o pavimento anterior e iso provocou unha demora algo superior á prevista. De tódolos xeitos, por fin abrimos a Biblioteca e agora xa ten o movemento usual. Durante este curso, temos ambiciosos obxectivos que tentaremos levar a cabo o máis axiña posible. Adiántovos algúns deles. En primeiro lugar, cambiaremos os carnés para facelos máis aparentes e prácticos e, sobre todo, duradeiros. Tamén estamos a modificar o blogue para facelo máis claro e que dea máis servizo. Outro cambio é que temos unha nova localización para as lecturas obrigatorias que xa está a funcionar e tamén estamos en proceso de adquisición de novos fondos tanto de DVD’s como de Banda Deseñada, que son dos que andamos máis escasos. Tamén esperamos suxestións para a adquisicións de lecturas. Algúns profesores xa nos fixeron as súas e agora esperamos as do alumnado. E tamén xa están a comezar diversas actividades e concursos, nos que esperamos a vosa participación En fin, son bastantes cousas, das que pouco a pouco iremos dando noticia.