A “performance”.

Para conmemorar a data do Día Internacional contra a Violencia de Xénero” no Centro, organizado polo Departamento de Orientación e co apoio de profes varios, como Luisa, e da Biblioteca, levouse a cabo unha “performance“, é dicir unha representación simbólica na que aparecían ciscadas polo vestíbulo as típicas frase machistas que, seguro, máis dunha vez temos oído. Como parte da representación, un grupo de alumnos e alumnas arrincaron os murais que contiñas esas frases ferintes, e enarbolaron carteis con frases que sanan e axudan. Finalmente, os globos que caían do piso superior crearon un ambiente festivo. Aquí temos o vídeo que resume o acto.

25 de novembro: «Día Internacional contra a Violencia de Xénero»-II

Mirando pola arañeira adiante, atopamos un recurso interesante. Trátase da revista “Rapazas“, editada polo Concello de Lugo. Era o número 1, publicado en marzo de 2011, e non temos constancia de que tivese continuidade. É unha mágoa. Pero aquí a tedes por se lle queredes botar unha ollada.

25 de novembro: “Día Internacional contra a Violencia de Xénero”

Para conmemorar este día, a Comunidade Educativa do IES Lucus Augusti coa fin de contribuír á concienciación de todos e todas a través da educación, levará a cabo as seguintes actividades:

  • Cartel que preside tódolos actos, no que o debuxo central foi realizado por un alumno do Centro.
  • Traballarase nas clases con materiais do libro de Francesco Tonucci, “Con ojos de niña”. Elaboraranse escritos, manifestos, alegatos etc., que serán exhibidos na clase e no vestíbulo o día 25. Aquí tedes un vídeo que podedes empregar para que sirva de aperitivo do libro.

 

  • O alumnado da ESO, traballará sobre frases machistas que fan DANO, MAL, FIREN e proporá frases que fagan BEN e CUREN.
  • Charla sobre Violencia de xénero nas clases de 1º da ESO.
  • O día 25 de novembro, durante o lecer, realizarase unha “performance” onde se destruirán as frases que danan e ergueranse as frases positivas.
  • Finalmente, este video realizado por alumnos de PDC.

Visita de Arcadio López Casanova

O pasado luns 11, dous días despois de ser nomeado Academico pola Real Academia Galega, estivo no noso Centro Arcadio López Casanova. O motivo foi atender unha invitación cursada polo centro a quen fora, tempo atrás, alumno e, posteriormente, profesor, para realizar unha sinxela homenaxe. Durante esa mañá, levou a cabo un percorrido polo Centro, lembrando algunhas das súas estancias, e lembrando tamén, no Museo, algún dos aparellos que manexara cando fora alumno. Ás 12’30 h, tivo unha xuntanza informal con alumnado deste o seu instituto para falar da súa obra e do que acontecera.

O acto tivo un amplo eco na prensa, sobre todo na local, como podemos ver neste fragmento do periódico do día seguinte, que ten un suxestivo título: “A literatura viaxa aos institutos“.

Nos próximos días, publicaremos un carrusel de fotografías e a grabación en vídeo do acto. Hai que estar atentos.

Morreu Doris Lessing

Este luns chuvañento ábrese coa nova do pasamento, en Londres cando tiña 94 anos, de Doris Lessing. Muller de vida azarosa e interesante que, para moitos e moitas, representa un paradigma do que foi o século XX. Nace en Persia, actual Irán, de onde se traslada coa súa familia a Rodesia -actual Cimbabue- cando contaba con 6 anos. Alí choca coas estruturas racistas de imposición da minoría branca sobre a maioría negra, marcha da casa, sobrevive soa, traballa, casa, ten dous fillos e únese a un grupo de debate comunista. Divórciase, volta casar, marcha a Londres, ten outro fillo, entra e sae no Partido Comunista, e participa en protestas feministas e antinucleares.

Por esas datas, falamos de 1950, comeza a escribir e non será até 1962 cando publica a primeira grande obra que a consagra como unha escritora reputada, “O Caderno dourado”. Esta obra cunha innovadora estrutura será a que a convirta nunha icona do movemento feminista e permita continuar cunha obra poderosa e fundamanetal, se ben, non últimos anos, criticouselle unha derivación cara á ciencia-ficción de pouca calidade.

 No pasado 2001, recibe o Premio Príncipe de Asturias e, posteriormente, no 2007 o Premio Nobel de Literatura pola capacidade para transmitir a épica da experiencia feminina e narrar a división da civilización con escepticismo, paixón e forza visionaria. 

Deixa unha ampla obra da que aquí, na nosa Bilioteca, contamos coa a súa obra máis relevante editada por GalaxiaO caderno dourado“.

 

 

Presentación dun libro de Marina Mayoral

O vindeiro xoves, 14 de novembro, haberá na Librería Biblos, unha charla-coloquio coa escritora de Mondoñedo, Marina Mayoral. A autora que é profesora na Universidade Complutense de Madrid, é unha das autoras máis lidas en lingua galega. O motivo da charla é a presentación do seu novo libroAmor e sexo aos 13 anos: O anxo de Eva“.

O argumento é o seguinte:

Unha nena moi lista, un mozo belísimo con ás de anxo, unha nai abrumada e abrumante, un pai engaiolador e un tanto viraventos, unha amiga que lle está aprendendo a bicar con lingua, un irmán ateo, unha avoa que fala co marido morto. Un ático fronte ao mar e longas e cálidas noites dun verán no que a nena comeza a ser muller...”.

Para ampliar a información, tamén pódese botar unha ollada ao seguinte video, onde a autora fala da súa obra e comenta os personaxes que aparecen.