Presentación de “O agasallo de Anya”

Mándannos dende a Librería Biblos unha invitación, que compartimos, sobre a presentación do libro “O agasallo de Anya” de Sabela N. Singala pola Editorial Galaxia. A novela trata das diferentes vidas de dúas nenas duns 11 anos: Xiana (galega) e  Anya (que é ucraína). Tedes na seguinte ilustración a información da presentación do libro, e máis abaixo, ligazóns para ampliar a información.

CONVITE O AGASALLO DE ANYA

Se queres saber máis da novela, aquí tes o blogue sobre o libro, a páxina de Facebook, e información sobre o libro na editorial.

 

 

Advertisement

Visita de Jaureguízar

Recentemente, tivemos a visita do escritor Santiago Jaureguízar. No Salón de Actos estivo a falar, animadamente, sobre un dos seus libros titulado “Os Sabuxos entran na casa do pé esquerdo” (Xerais, 2013). Estivo ben e debeulles gustar porque no remate, asinaba libros coma se fora un artista pop.

Aquí podedes ver unha mostra do testemuño gráfico da charleta.

Morreu Adela Mirabal

En varias ocasión amosamos neste blogue entradas nas que se conmemoraba, no noso Centro, o “Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller“. Esa conmemoración converteuse en oficial pola ONU a partir de 1999. Así a partir dunha proposta da República Dominicana que contara co apoio inicial de 60 países, tódolos 25 de novembro, esa data que xa dende anos antes se celebraba en moitos países latinoamericanos pasa a ser unha data global. O motivo, xa o sabemos é unha homenaxe a 3 das Irmás Mirabal, que foran torturadas e asasinadas durante a ditadura de Leónidas Trujillo no país caribeño.

Comentamos o anterior porque o pasado día 1, morreu a última -a cuarta- das irmás Marabal, Bélgica Adela “Dedé” Mirabal. Así, o notifica un dos principais periódicos dominicanos “El día“, e faise eco da repercusión, que tivo no país, o suceso. A importancia das Mirabal para a República Dominicana é tan grande que xa apareceu, inmediatamente, unha pequena información na principal folla educativa do país (educando.edu.do) para que se traballe co alumnado e se lembre o seu exemplo de resistencia fronte ao ditador.

Aquí, pódese ver un pequeno documental duns 10 minutos no que se comenta a historia das “Tres mariposas” -así eran chamadas polos dominicanos- e o respeto que inspiran nos cidadáns dominicanos.,

Xogos de inverno: unha ocasión para a tolerancia

En días anteriores víamos imaxes nas diferentes cadeas de televisión, que facían alusión aos vindeiros campionatos deportivos na cidade rusa de Sochi. Aparecían tamén declaracións do alcalde con argumentos tan curiosos como: “os homosexuais serán admitidos na cidade sempre que respecten as leis“. Igualmente o presidente de Rusia, Vladímir Putin, declaraba que os homosexuais serán benvidos sempre que “deixen sós aos rapaces”. Igualmente, nunhas declaracións recentes, tamén, a actual campiona mundial de salto pértiga actualmente retirada -Ielena Isinbáieva- xustificaba como podía o seu apoio á política homófoba do seu país. E tampouco hai moito tempo, unha dirixente política española encerellábase toda tratando de argumentar que homes e mulleres somos diferentes en non é ben a súa mestura.

Fronte a isto, salientamos que hoxe no buscador de Google pódese ver nun doodle a súa particular homenaxe crítica a este tipo de conductas, que supón unha chamada á tolerancia. E como quizais non durará máis que o día de hoxe, nós apuntámonos tamén a esta declaración (hai poucos días esparexiamos polo noso instituto os artigos dos “dereitos humanos” no que se indicaba que “tódalas persoas somos iguais en dereitos”) e por iso temos unha captura de pantalla para que permaneza no tempo esta chamada contra a discriminación e a prol da tolerancia.

 

 

O son da fala- Homenaxe a Manuel María

O pasado ano dous locutores de Radio Lugo, do grupo radiofónico da Cadena Ser, Paco Nieto e Tania Lombao, comezaran cun impresionante proxecto –O Son Da Nosa Fala– no que ao mesmo tempo que se homenaxeaba a Celso Emilio Ferreiro coa lectura dun dos seus poemas, pretendíase tamén crear un banco de voces.

Este ano continúan co proxecto pero adicado a Manuel María -do que en setembro se cumprirán os 10 anos do seu pasamento- tamén lendo un poema. Daquela, do noso Centro, participaran no proxecto alumnos de 2º de BAC, pero desta volta decidiuse coller grupos menores. Participaron grupos de 2º da ESO (que amosaremos noutra ocasión) e de 3º. Aquí o que vos ofrecemos é un video realizado polos alumnos de 3º de PDC, no que graban a parte dos seus profesores -Roberto e máis Charo-, á orientadora -Carmen-, e tamén a eles mesmos. O vídeo está grabado e realizado por eles e nós subímolo á rede e o colocamos aquí para que todos o poidades ver. Un gran traballo.