Día das Letras Galegas- 2014

Coma tódolos anos, chega o día no que se conmemora a publicación dos “Cantares Gallegos” da nosa poetisa nacional Rosalía de Castro. Este día, o “Día das Letras Galegas“, é un día no que se lembra e celebra a obra dalgunha persoa relevante na lingua. Así este ano tocoulle a Xosé María Díaz Castro. É un autor de escasa pero profunda obra.

Dende a Biblioteca, fixemos unha pequena escolma da gran cantidade de recursos que hai pola rede para podérmolos traballar nas aulas como cada un quixer. Para vela, tan só hai que premer na imaxe.

Día das letras

Igualmente, publicamos a continuación a nosa humilde contribución que consiste no vídeo da charla de Armando Requeixo. É, posiblemente, o maior especialista neste momento sobre o poeta pois foi o protagonista da súa tese de doutoramento. É profesor, crítico literario e ensaísta, e aproveitamos que recén chegaba de América cara a Mondoñedo para pedirlle que fixera unha pequena paradiña no noso centro para nons ofrecer unha charla sobre a figura de Díaz Castro. Na charla, realizada no noso Salón de Actos, estaba pensada para os alumnos da ESO, pero cara ó final, tamén aparecen uns alumnos alemáns que estaban de intercambio e que puideron comprobar in situ o plurilingüismo do noso centro pois eles, soamente, estudan español. Dura algo menos de 50 minutos, pero coidamos que é un documento relevante que se agrega a todo o traballado por outros moitos centros.

Finalmente, se queredes ver a valoración de Armando Requeixo sobre “Nimbos”, no seu blogue “Criticalia”, premede aquí.

Nace unha periodista?

Hoxe temos o honor de celebrar o primerio artigo dunha alumna nosa no periódico local. A historia vén de atrás. Hai xa varios anos que contamos en determinadas datas, cando a Semana da Prensa, coa colaboración de José Manuel Freire, redactor-xefe de “El Progreso”. Na última edición, no pasado abril, comentáranos que estaban pensando en crear unha nova sección para darlle a voz a cidadáns particulares de tal xeito que foran eles os que escribiran un artigo que sería publicado.

Así, recentemente, pediunos que lle facilitármos un feixe de nomes de alumnos que estiveran en disposición de participar na recén creada sección. Entre eles estaba Helena Risco, que na actualidade ten 14 anos e cursa 3º da ESO e que ten gañados uns cantos premios de escritura e debuxo, tanto na nosa Biblioteca coma na Biblioteca Nodal Provincial.

Pois ben, hoxe puidemos ver o seu primeiro artigo no xornal, e que consitiu en toda unha páxina enteiriña na sección Mundo. Vós opinaredes sobre a calidade do artigo e a súa capacidade expresiva.

Helena

Páxina de “El Progreso”

Conmemoración do Día Mundial do Libro

Como vén sendo tradicional, no noso Centro lévase a cabo algunha actividade especial para conmemorar o “Día Mundial do Libro“. Este ano, celebrouse un concurso de redacción e un pasarrúas, no noso patio, no que participaron o alumnado de toda a ESO. Algúns, tocaban instrumentos, outros formaban parte do grupo de esforzados ximnastas que crearon cos seus exercicios as letras de C-E-R-V-A-N-T-E-S, outro grupo recitaba e, finalmente, o resto miraba e participaba. Todos ao rematar o acto, aplaudirían ás gañadoras do concurso. Que, si, foron todas rapazas.

Tivemos a sorte de contar como testemuña cun fotógrafo de “El Progreso” que tirou unhas fotos que deron pé a unha pequena noticia cun bonito título: “Letras coas que se crean mundos“.

foto progreso

Foto: El Progreso

Nós tamén temos algunhas fotos do acto pero non tan espectaculares. De tódolos xeitos, velaí as tedes para que, tamén, as desfrutedes e tamén vexades as gañadoras do concurso cos seus premios e con Fernanda, que levou a cabo gran parte do traballo de coordinación dos diferentes Departamentos (grazas especiais a Música e Educación Física).