Cambiamos de casa…

Movémonos a unha nova casa. O novo enderezo nos permite evitar a publicidade que, nos últimos tempos, era algo invasiva de máis.

Movémonos a un dominio .gal porque xa tiñamos gañas hai meses de apoiar a presenza do galego e en galego na rede. Polo demais, despois de estar varias semanas cmabiando os trastos e facendo probas, coidamos que todo vai ben e que, ademais, case non se nota  o cambio na apariencia.  Saúdos e benvidos ao novo enderezo.

 

Advertisement

17 de maio- Día das Letras Galegas

Desta volta, para participar na conmemoración do Día das Letras Galegas, decidimos facer unha pesquisa de recursos sobre Mª Victoria Moreno e presentalos dun xeito algo diferente.

Ao mesmo tempo, tamén pretendiamos unir esta conmemoración con outra que se celebra o mesmo día, 17 de maio, pois, noutros eidos, é o día da Internet. Para iso, presentamos unha parte dos recursos en formato de códigos QR. Para podelos ver tes que ter no teléfono móbil unha aplicación para ler estes códigos. Tanto na App Store (para IOS) como na Play Store (para Android) hai lectores de balde.

Velaquí tedes unha pequena escolma dos que foron colocados por todo o centro. Hai dende vídeos, enderezos de internet ou ligazóns a Pinterest e á Galipedia


Vídeo da RAG sobre a autora

 

 

 

 

 

 


Vídeo realizado polo do concello de Pontevedra 

 

 

 

 

 


Vídeo do CPI Os Dices-Rois, onde os rapaces confeccionan un TeleXornal.

 

 

 

 

 


Ligazón ao artigo de Mª Victoria Moreno, na Galipedia


Ligazón ao Pinterest, onde se atopan carátulas de moitas das súas obras.

La lección de August – Wonder

Hai libros imprescindibles porque están ou serán literatura, con maiúsculas. Hai outros que son imprescindibles porque nos obrigan a confrontarnos coa realidade.  “La lección de August” é un destes libros, que quizais non é o mellor que se escribiu pero que sirve para a formación individual de cada un de nós.

Foi escrito por Raquel Jaramillo Palacio (asina como R.J Palacio), escritora estadounidense de orixes colombianas, aló polo 2012. Varios anos despois está de moda porque hai unha película estadounidense “Wonder” que o leva ás pantallas.

Trata dos problemas dun rapaz -August- que presenta unha malformación facial que provoca un certo rexeitamento entre as persoas. O problema radica cando remata a súa etapa escolar do que aquí sería a primaria, e ten que decidir se vai ao instituto ou queda na casa para segui-los estudos indidivualmente e illado de todo e de todos.

Os seus problemas pódense extrapolar a moitos de nós. Ás veces somos discriminados por ser gordos, ou por ser mulleres, ou por ter outra cor, ou por ter outro aspecto. Este libro tamén trata diso. Recomendable para a xente nova.

 

Visita de alumnos de 3ºESO PMAR ó vello cárcere.

Se as paredes falasen…

Quen non dixo estas palabras nalgunha ocasión? Resulta inevitable entrar no vello cárcere de Lugo e non formular este pensamento. Ás veces ocorre. Unha celda chea de nomes silenciosos e silenciados e de súpeto ás nosas costas unha voz queda di:  “ahí está el nombre del abuelo de mi mujer”.

Imos dar unha clase de historia e a historia sae ó paso para darnos  unha lección. Enma Otero Correa, neta do xuíz de paz de Cervo asasinado o 10 de novembro de 1936.

Os alumnos escoitamos. Agora os feitos dos libros teñen nome e apelidos. Enma mostra a fotografía de seu avó. Fala de guerra, de sufrimento, de medo, de ostracismo. Pero por riba de todo fala de memoria. Memoria para non esquecer. Memoria para comprender.

E repite vencida, que non derrotada, pola emoción: “por favor, eduquen a estos niños para que no hereden el odio, porque el odio se hereda”. O seu testemuño dá consistencia ó vello cárcere, tan limpo, tan pulcro na súa restauración que semella sacado dun anuncio de xoguetes.

Na despedida, intercambio de números de teléfono, fotografía , agradecemento. Pero sobre todo, unha gran débeda, intentar dar cumprimento ó rogo de Enma. Así sexa. Somos xente de palabra.

A Enma e Carlos na súa visita ó cárcere de Lugo. Grazas.

Paz F. González (Departamento de Historia).

A neta do señor Linh

Philippe Claudel é un autor moi particular. Non só porque non parece un escritor ordinario senón tamén tivo unha vida intensa. Cando rematou o Bacharelato, marchou á Universidade de Nancy, pero a penas asistía ás clases, e adicouse a facer poemas e, cos amigos, a rodar curtametraxes e a vivir e percorre-lo mundo.

Cando coñeceu a súa actual parella, ela, animouno a retoma-los estudos e, co tempo, fixo un grao en Letras Modernas, e outro en Historia da Arte, e impartiu clases de Antropoloxía. Hoxe, defínese como escritor, mais tamén é guionista.

Na novela que presentamos “A neta do señor Linh“, fai gala dunha escritura, aparentemente, sinxela e vaporosa, pero que co paso do tempo, vaise facendo profunda e ampla. Fálanos do choque cultural, da vellez, e de como a comunicación é algo máis ca palabras. Puro sentimento.

Velaquí tedes a sinopse: “Dúas soidades que se xuntan. Un vello, o señor Linh, que abandona o seu país fuxindo da guerra e levando nos brazos a súa neta, único motivo polo que viaxa cara a unha terra hostil da que descoñece a lingua e os costumes. E un home só, o señor Bark, que vive decote sumido nas súas lembranzas“.

Retallos. Exposición fotográfica.

Hoxe presentamos o vídeo da exposición fotográfica que titulamos como “Retallos“, e que se enmarca dentro dos actos conmemorativos do 175 aniversario.

Desta volta, pódense ver fotografías de tempos pasados onde cátedros levaban de excursión aos alumnos ou onde celebrábanse derbis futbolísticos “alumnos contra profes“.

Aprender a pensar…na Biblioteca escolar

Encabezamos esta nota co lema escollido, este ano, na rede de Bibliotecas Escolares para que sirva de motivo durante todo o curso.

Próxima xa a exposición que sobre o lema deste curso, presentamos estes libros como avance.

Son libros divulgativos nos que se repasan as teorías filosóficas máis importantes da historia (existencialismo, racionalismo…), aparecen os autores máis relevantes (Descartes, Platón, Kant…) e nos que aparecen preguntas  que, en ocasións, son de difícil resposta: existen diferentes tipos de verdad?

En breve, presentaremos o vídeo con toda a exposición.

Fariña: o proceso de elaboración da capa

Agora que parece que xa vai pasando o efecto “Fariña“, si o secuestro do libro e a denuncia contra a serie de televisión, buceando pola rede atopamos algo bastante curioso e que poucas veces conseguimos coñecer.

O autor da capa do libro, Artur Galocha, elabora un feixe de chíos en Twitter, onde vai explicando como chegou a realizar o deseño.

É interesante ver todo o proceso e as anécdotas que conta, a así podemos comprobar como as cousas máis simples, polo menos en apariencia, teñen un gran traballo detrás e, ás veces, tamén, algo de inspiración.

Aproveitamos, tamén, para recomendar o libro que temos na nosa Biblioteca, e que se pode ler ao mesmo tempo que se ve a serie de televisión.  Así temos, tanto a versión periodística como a dramatizada.

Aquí tedes o enderezo; preme na palabra: fariña.