Lecturas de verán

Hai poucos días publicáramos unha guía de recomendación para adultos, máis ben. a de Alice  Munro. Fixemos un último esforzo e aquí presentamos, xa a piques de rematar o curso, unha outra guía de lecturas para a xente nova, con algúns dos libros que andaban expostos estes días nos andeis de novidades.

Titúlase “Especial Coleccións“, porque son obras que constan de varios volumes: algún publicados e outros a piques de saír do preo. Esperamos que vos gusten e que  disfrutedes durante o verán.

especial coleccions

Advertisements

Alumno premiado

O alumno do noso Centro CARLOS LANZÓS LÓPEZ  (de 1ºBAC-F) vén de obter o 2º premio na II Edición do Premio de Ensaio Subversivo “Guillermo Domínguez”, que tódolos anos convoca o IES Xelmírez I de Santiago de Compostela. Tamén colaboran a Asociación Cultural  “Colectivo Xelmírez” e a Secretaría Xeral de Política lingüística. Premendo aquí, podedes ver a acta de resolución do premio.

cartaz-ensaio

Cartaz do II Premio de Ensaio Subversivo

Este premio está dirixido ao estudantado da Comunidade galega, que curse o segundo ciclo da ESO ou o Bacharelato, e no que se valoran ensaios de temática filosófica que promovan unha imaxinación crítica. O traballo polo que conseguiu o premio, leva por título “Ensaio sobre a sociedade, a feliciade e a personalidade“.

Dende aquí mandamos os nosos parabéns pola participación e o resultado acadado.

Recomendacións para o Arde Lucus

Presentamos as nosas recomendacións para este “Arde Lucus” que está a piques de comezar e nunha datas nas que xa se albisca a fin do curso. As lecturas son 3 obras de Santiago Posteguillo, un “profe” valenciano, que conforman unha triloxía sobre a figura de Publio Cornelio Escipión, o xeneral romano que na época republicana salvou a Roma da derrota fronte os cartaxineses na loita polo control do Mediterráneo.

Na triloxía podemos ver o ascenso da figura de Escipión dende que é un rapazolo que acompaña a seu pai á guerra (falamos das Guerras Púnicas), e como se convirte no “pater familias”  cando seu pai morre loitando contra Aníbal, e será Publio quen se convirta no cónsul romano que derrote a Aníbal tras cortarlle os subministros que lle chegan dende Hispania e, finalmente, como as intrigas da Roma republicana, provocan a súa caída.

Son 3 libros gordochos pero que enganchan e leranse dunha sentada. A narración é moi áxil e axuda a entender o funcionamento das institucións romanas e as cruentas batallas da aintigüidade.

posteguillo

Lecturas para o verán

Aquí vos deixamos a primeira das nosas suxestións para o verán. Aínda que subiremos algunha máis para que haxa variedade para todos os gustos, esta primeira consiste en calquera dos libros de Alice Munro, a última Premio Nobel de Literatura. Aínda que por aquí non é demasiado coñecida, si que ten moita sona en Norteamérica e durante as vindeiras vacacións pode ser un bo momento para introducirse noutras literaturas. Na guía, comentamos 3 dos seus libros que son os que temos na Biblioteca. Son un feixe de historias pequenas, pero que duran no tempo, nas cales as protagonistas son mulleres de todo tipo e condición. Están moi ben narrado, cunha linguaxe sinxela non exenta de lirismo. Pero que, seguro, nos deixarán un certo regusto no padal, obrigándonos a ler outra e outra, e outra historia.

Alice Munro

Presentación de libro

Acaba de chegarnos información da “Librería Biblos” sobre unha charla-coloquio con José de Cora, escritor, xornalista e director xeral do diario lucense El Progreso, ao redor da súa última novela La Navaja Inglesa. O acto terá lugar o vindeiro luns, 09/06/14, ás 20,00 horas na librería. A continuación temos o cartel que o anuncia.

cora

Día das Letras Galegas- 2014

Coma tódolos anos, chega o día no que se conmemora a publicación dos “Cantares Gallegos” da nosa poetisa nacional Rosalía de Castro. Este día, o “Día das Letras Galegas“, é un día no que se lembra e celebra a obra dalgunha persoa relevante na lingua. Así este ano tocoulle a Xosé María Díaz Castro. É un autor de escasa pero profunda obra.

Dende a Biblioteca, fixemos unha pequena escolma da gran cantidade de recursos que hai pola rede para podérmolos traballar nas aulas como cada un quixer. Para vela, tan só hai que premer na imaxe.

Día das letras

Igualmente, publicamos a continuación a nosa humilde contribución que consiste no vídeo da charla de Armando Requeixo. É, posiblemente, o maior especialista neste momento sobre o poeta pois foi o protagonista da súa tese de doutoramento. É profesor, crítico literario e ensaísta, e aproveitamos que recén chegaba de América cara a Mondoñedo para pedirlle que fixera unha pequena paradiña no noso centro para nons ofrecer unha charla sobre a figura de Díaz Castro. Na charla, realizada no noso Salón de Actos, estaba pensada para os alumnos da ESO, pero cara ó final, tamén aparecen uns alumnos alemáns que estaban de intercambio e que puideron comprobar in situ o plurilingüismo do noso centro pois eles, soamente, estudan español. Dura algo menos de 50 minutos, pero coidamos que é un documento relevante que se agrega a todo o traballado por outros moitos centros.

Finalmente, se queredes ver a valoración de Armando Requeixo sobre “Nimbos”, no seu blogue “Criticalia”, premede aquí.

Nace unha periodista?

Hoxe temos o honor de celebrar o primerio artigo dunha alumna nosa no periódico local. A historia vén de atrás. Hai xa varios anos que contamos en determinadas datas, cando a Semana da Prensa, coa colaboración de José Manuel Freire, redactor-xefe de “El Progreso”. Na última edición, no pasado abril, comentáranos que estaban pensando en crear unha nova sección para darlle a voz a cidadáns particulares de tal xeito que foran eles os que escribiran un artigo que sería publicado.

Así, recentemente, pediunos que lle facilitármos un feixe de nomes de alumnos que estiveran en disposición de participar na recén creada sección. Entre eles estaba Helena Risco, que na actualidade ten 14 anos e cursa 3º da ESO e que ten gañados uns cantos premios de escritura e debuxo, tanto na nosa Biblioteca coma na Biblioteca Nodal Provincial.

Pois ben, hoxe puidemos ver o seu primeiro artigo no xornal, e que consitiu en toda unha páxina enteiriña na sección Mundo. Vós opinaredes sobre a calidade do artigo e a súa capacidade expresiva.

Helena

Páxina de “El Progreso”

Conmemoración do Día Mundial do Libro

Como vén sendo tradicional, no noso Centro lévase a cabo algunha actividade especial para conmemorar o “Día Mundial do Libro“. Este ano, celebrouse un concurso de redacción e un pasarrúas, no noso patio, no que participaron o alumnado de toda a ESO. Algúns, tocaban instrumentos, outros formaban parte do grupo de esforzados ximnastas que crearon cos seus exercicios as letras de C-E-R-V-A-N-T-E-S, outro grupo recitaba e, finalmente, o resto miraba e participaba. Todos ao rematar o acto, aplaudirían ás gañadoras do concurso. Que, si, foron todas rapazas.

Tivemos a sorte de contar como testemuña cun fotógrafo de “El Progreso” que tirou unhas fotos que deron pé a unha pequena noticia cun bonito título: “Letras coas que se crean mundos“.

foto progreso

Foto: El Progreso

Nós tamén temos algunhas fotos do acto pero non tan espectaculares. De tódolos xeitos, velaí as tedes para que, tamén, as desfrutedes e tamén vexades as gañadoras do concurso cos seus premios e con Fernanda, que levou a cabo gran parte do traballo de coordinación dos diferentes Departamentos (grazas especiais a Música e Educación Física).

O mellor refuxio do Lucus Augusti

O pasado día 18 de abril publicouse no xornal local “El Progreso” unha entrevista con parte do Equipo da Biblioteca que versaba sobre a nosa Biblioteca. O titular é engaiolante: “O mellor refuxio do Lucus Augusti” e tanto nos gustou que por iso titulamos así esta nota. Na entrevista, fálase da evolución habida na biblioteca nos últimos tempos e como, a pesar de tódalas eivas, é unha das instalacións de maior uso, e maior aceptación, do noso Centro como proban as 2 fotografías que ilustran o artigo. Alúdese tamén a que un feito fundamental no cambio experimentado foi a inclusión no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE). O alumnado dos cursos superiores aínda lembrarán as vellas instalacións e, por iso, son máis conscientes do cambio.

É unha mágoa pero para poder lelo enteiriño hai que acceder ao pago. Polo menos nos queda a referencia na rede e as fotografías que falan por si mesmas. Podes acceder á noticia, premendo na fotografía.

682675

Alumnos do Instituto na Biblioteca durante os períodos de lecer. (Foto: El Progreso)

Guía de lecturas para a Semana Santa

Aínda que estaba pensada para o comezo da primavera, entre exames e agobios retrasóusenos unha miguiña. Pero xa está aquí, disposta para aproveitar os días de lecer na Semana Santa. É unha guía variada na que aparecen best-sellers e algún outro libro máis minoritario pero moi interesante. Podes premer nas imaxes para velas máis grandes ou descargar o boletín premendo aquí.