Covardes

Hai un días achegueime a un debate sobre “igualdade de xénero” e de aí xurdiu a suxestión da lectura de “Covardes” de Mª Xosé Porteiro.

Unha novela escrita no 2001 e que 17 anos despois continúa a amosar, cunha fidelidade que resulta desacougante, a realidade da prostitución e a trata de mulleres. A trama estructúrase sobre o relato das vidas de cada unha das persoaxes que dalgún xeito vense vencelladas no homicidio dunha rapaza. O que comeza parecendo unha novela negra ao estilo de “a man dereita” de Aníbal C. Malvar, remata convertido nun relato de denuncia social ben artellado e de lectura doada.

Advertisements

O anxo negro

o anxo negroSigo dende hai moitos anos as andainas de Magago a través das redes sociais. Este home vai facendo interesantes crónicas do patrimonio cultural galego no seu blogue ‘capítulo 0“, un dos máis antigos que segue vivo e traballando na divulgación da nosa cultura.

O anxo negro” é a primeira peripecia novelística deste profesor de xornalismo, un libro que está condeado a acadar éxito entre os lectores noveles visto o precedente de Pedro Feijoo coa saga de “Os fillos do mar” e “Os fillos do lume“, que racharon con todas as espectativas editoriais.

O libro é un xogo de intriga que mestura antropoloxía e historia, dende unha perspectiva de culto á simboloxía galega, moi axeitado ao contexto de hoxe en día, onde o tema do expolio do noso patrimonio cultural é “trending topic”. A novela é doada de ler e faise entretida a pesares da aparente inxenuidade da trama. O dito, éxito asegurado.

Aprender a pensar…na Biblioteca escolar

Encabezamos esta nota co lema escollido, este ano, na rede de Bibliotecas Escolares para que sirva de motivo durante todo o curso.

Próxima xa a exposición que sobre o lema deste curso, presentamos estes libros como avance.

Son libros divulgativos nos que se repasan as teorías filosóficas máis importantes da historia (existencialismo, racionalismo…), aparecen os autores máis relevantes (Descartes, Platón, Kant…) e nos que aparecen preguntas  que, en ocasións, son de difícil resposta: existen diferentes tipos de verdad?

En breve, presentaremos o vídeo con toda a exposición.

Á sombra dos bonsais

Antón Riveiro Coello forma parte da elite dos escritores da literatura galega contemporánea. Algúns dos seus libros son obras maxistrais que estou seguro irán acadando relevancia co tempo. Recén veño de rematar “Á sombra dos bonsais“, un libriño que non vai ser o máis representativo da súa obra, achégase máis a un experimento editorial de miniaturas narrativas que agochan a retranca, o sentido do humor e a sensibilidade tan características da nosa cultura. Deixo un dos seus microrrelatos, miúdo e dunha potencia incuestionable, para ser lido nunha aula calquera. Ameaza.

Booktrailer

como facer o teu booktrailerDéixovos un enlace pos si alguén se anima a facer un booktrailer sobre calquera libro que vos apeteza. Non son necesarios grandes medios, coa cámara dun teléfono móbil e un editor de vídeo sinxelo poden chegar a conseguirse produccións xeniais.

Exemplo de booktrailer

E xa aproveito para deixar unha brevísima reseña

la chica del trenBo debut de Paula Hawkins con “La chica del tren” Unha novela case negra, escrita a modo de diario de tres mulleres, que vai furgando ncomplexidade das relacións de parella e describindo cunha minuciosidade sospeitosa o alcoholismo feminino. Recomendable.

Fóra de si

fora de siPois voltou Suso de Toro a dar sinais de vida coa súa nova novela”Fóra de si“, non é do mellor que lle teño lído pero este home tenme feito pasar uns momentos inesquecibles, ten boa man e boa cabeza para a escritura, é sen dúbida un dos gurús da literatura contemporánea galega. A trama é sinxela: a volta ao comezo dun home despois dunha vida artellada artificialmente, allea á vontade del mesmo, algo que nos ocorre a case todos, e que sementa unha insatisfacción agochada dentro de nós que imos trasmitindo por capilaridade sen darnos de conta do dano que orixinamos, como unha causalidade circular da que soamente nos libramos cando se achega a morte, daquela o perdón, a culpa e o que puido ser e non foi veñen a trocar as nosas vidas, cheas de segredos e mentiras. Dende un diálogo (monólogo) paterno-filial, a piques do falecemento do pai, o protagonista vai remexendo no seu pasado ata trocar o seu presente. A min prestoume.

Os nenos da varíola

os nenos da varíolaA escritora María Solar constrúe unha novela para adolescentes de doadísima lectura que lembra un pouco a “As normas da casa da sidra” versión galega. Recollendo un episodio histórico esquecido ao comezo do século XIX, cando o monarca Carlos IV organiza unha expedición ás Américas para transportar a vacina da varíola utilizando a un grupo de nenos orfos de Santiago e A Coruña como vaciníferos. Unha aventura chea de tópicos e cun sesgo infantil que maila iso pode resultar didáctica para achegar aos máis novos ás primeiras andanzas da menciña como ciencia. Un libro de instituto.

Ler con nenos

leer con niñosDefinitivamente non teño a cabeza para ensaios, “Ler con nenos” é un derroche de intelectualidade comprimida que require relecturas sistemáticas de cada parágrafo. Agochando unha apoloxía da lectura, entre contos, Santiago Alba Rico exerce unha intervención cirúrxica dos textos diseccionando o ben e o mal, o amor, os victoriosos e os derrotados, os nenos, as nais, o corpo, a imaxen (alma)… Un cerebro bestial ao servizo da filosofía que precisa tempo, moito tempo, para conseguer deglutir as súas producións. Cada libro ten o seu momento, ou cada momento ten o seu libro, falloume esa conxunción e entrei en barrena cara un abismo escuro e densísimo que casi me asfixia, pero resulta unha morte placenteira o deixarse estrangular polas abigarradas mans das páxinas. Que trampas agochan os títulos e que perversas son algunhas amizades cando suxestionan lecturas tan demoledoras.
Déixovos un dos relatos para que o devoredes ou sexades devorados.

VIAXE A LONDRES 2018

VIAXE A LONDRES

Alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO que cursan Seccións Bilingües de Música e de Tecnoloxía

Pulse aquí para ver fotos da viaxe

Pulse aquí  para ver vídeo

 

 

 

 

 

 

 

Alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO do IES Lucus Augusti, que cursan Seccións Bilingües de Música e de Tecnoloxía, realizaron a finais de marzo unha viaxe de estudos a Londres, onde tiveron a oportunidade de coñecer lugares emblemáticos da capital británica, como o ParlamentoBuckingham PalacePiccadilly CircusTrafalgar SquareCovent Garden ou Hyde Park. Tamén visitaron o Museo Británico, o Museo de Ciencia e Tecnoloxía, o Museo de Ciencias Naturais e a National Gallery. Na igrexa anglicana de St. Martin in the Fields asistiron a un concerto en conmemoración do Día Mundial da Auga, interpretado polo prestixioso coro de St. Martin’s Voices.

A muller xeada

Alguén mencionou “La mujer helada ” de Annie Ernaux como unha obra estrictamente feminista e reivindicativa fronte á popularísima tetraloxía de “La amiga estupenda” da Ferrante, pois é mesturar churras con merinas. Sen restarlle un ápice de valor ao libro de Ernaux, que é unha crónica da opresión patriarcal padecida por unha muller dende o seu nacemento, desenvolvida cunha descrición tan crible que resulta arrepiante e que constitúe unha revelación sen trampa nin cartón da escravitude do estereotipo machista gravado socioloxicamente a sangue e lume, resistente a unha educación non sexista e á intelixencia da muller. Malia iso a fluidez narrativa da Ferrante, a coidada elaboración do contexto, a construción das persoaxes … distánciaas dun xeito indiscutible, a comparación é imposible, sería como pensar que é mellor, a física ou as matemáticas. Por certo, un libro moi recomendable aínda que nunca sufrirá o estigma de verse convertido nun Best Seller.