Novembro. Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Tradicionalmente, este mes de novembro adícase nas Bibliotecas a fomentar as ciencias en galego. Nas Bibliotecas Públicas organízanse un feixe de actividades e exposicións para tódolos públicos. En concreto na Biblioteca Pública de Lugo, son as seguintes:

  1. Día 11: Obradoiro de Ciencia divertida para nenos e nenas de 4 a 11 anos.
  2. Día 18: Megaciencia. Un espectáculo de maxia e ciencia para tódolos publicos.angel-carracedo
  3. Día 25: “As bases xenéticas do cancro“. Unha charla divulgativa de Ángel Carracedo que, por se non o sabedes, é un dos máis importantes persoeiros a nivel mundial en medicina xenómica (o estudo dos xenes para curar enfermidades), sendo o grupo que el dirixe o máis importante a nivel mundial durante o decenio 2001-2011.

Igualmente, durante todo o mes, hai varias mostras bibliográficas: de Ciencias forenses e criminoloxía, no vestíbulo da Biblioteca e de Matemáticas cotiás, na sala de préstamo.

8 de marzo 2015

Coma tódolos anos o 8 de marzo conmemórase o “Día da Muller Traballadora“. Este ano temos moitas e moi relevantes actividades no instituto sobre esta data.

Por unha banda, un pequeno exercicio de lectura e investigación a partir de dous interesantes documentos que se poden descargar en formato .pdf, premendo no título correspondente: “Mulleres na historia da ciencia” e “As primeiras docentes de ciencias na Universidade de Santiago“. Unha vez lidos, pódense respostar as preguntas que se formulan na seguinte imaxe e proceder a un intercambio de impresións.

día da muller

Pero ademais, este ano queriamos que tivera como motivo condutor a figura de dúas irmás xemelgas –Jimena e Elisa Férnández de la Vega-, aproveitando que sobre a súa figura se han levar a cabo diversas actividades durante todo este mes por parte das Concellerías de Cultura e Benestar e Igualdade do Concello de Lugo xunto coa Fundación TIC da Deputación de Lugo, o Departamento de Orientación do centro conseguiu a nosa participación nalgunhas desas actividades. que son as seguintes:

  • 9 de marzo.
    • Inauguración dunha Exposición divulgativa da vida, traxectoria, aportacións e obra das irmás Jimena e Elisa Fdez. de la Vega Lombán que se pode ver xa no vestíbulo.
    • Charla para o estudantado de 3o e 4o da ESO das 13:25 as 14:15 h. a cargo do profesor Ricardo Gurriarán Rodríguez, sobre as dúas irmás.
  • 11 de marzo.
    • Charla para o estudantado de 3o e 4o da ESO das 13:25 as 14:15 h. a cargo da profesora e biógrafa das irmás Fdez. de la Vega, Ánxela Bugallo (que o mesmo día, para todo o público, ás 18’00 h. no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra levará a cabo a conferencia “Abrindo caminos: As primeiras licenciadas“.

Son moitas cousas, das que daremos máis información nos vindeiros días, pero se queredes ter unha referencia de quen foron as dúas irmás, podes mirar nas entradas correspondenstes a cada unha delas en culturagalega.org: sobre Jimena e sobre Elisa.

Outubro: Mes da Biblioteca (V)

Rematamos as notas desta semana de conmemoración do Día da Biblioteca Escolar coa nova Guía de Lecturas sobre lecturas científicas. Todos estes libros, e outros máis, podédelos atopar na entrada da Biblioteca, no expositor. Estamos certos de que son o suficientemente atractivos e que resolverán algunhas das dúbidas máis cotiás que temos sobre diversas situacións. Os títulos son rechamantes, non si?

Para ve-la guía, tan só hai que premer na maxe.

Outubro: Mes da Biblioteca (IV)

Hoxe -mañá- é un día raro porque a práctica totalidade dos elementos que forman parte da Comunidade Educativa, en sentido amplo -ANPAS, Sindicatos de profesores, Sindicatos de alumnos etc.-, teñen convocada unha xornada de folga contra a LOMCE, a chamada “lei Wert”. En fronte, tan só a Administración. Mais non queremos que iso afecte máis do debido polo que esta nota realizarase antes das 00’00 horas do xoves.

Temos aquí o cartel conmemorativo deste ano editado pola Consellería de Educación e que, seguro, xa tes visto polo centro adiante. A autora é Patricia Castelao que é unha coñecida ilustradora que leva publicados un monte de tapas de libros de topo tipo, como podes ver unha pequena escolma deles na ligazón de culturagalega.org.

O cartel está titulado “LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR“, polo que resulta axeitado lembrar un dos videos realizados pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística no que se salienta algo evidente, que a ciencia tamén se pode realizar en galego.