DÍA DA MULLER TRABALLADORA

8 de MARZO – DÍA DA MULLER TRABALLADORA

 

 

 

 

 

O pasado 8 de marzo quixemos celebrar o Día da Muller Traballadora dun xeito diferente. O grupo Femininoplural (Silvia Penide e Carla López) interpretou cancións que escribiron  mulleres pero que foron versionadas por homes.

FEMININOPLURAL xorde da necesidade de amosar o importante percorrido de diversas mulleres autoras no transcurso da historia da humanidade. Trátase de dar visibilidade e relevancia absoluta á figura da muller autora, que moitas veces permaneceu nun segundo plano.

O percorrido dá comezo coa figura de Clara Schumann para seguir con Violeta Parra, Guadi Galego e Consuelo Velázquez entre outras. Unha viaxe que anima a desfrutar, valorar e aplaudir as nosas autoras universais.

Preme aqui ou sobre a imaxe para ve-las fotos do acto.

Advertisements

120 aniversario das irmás Fernández de la Vega: o documental.

É para nós unha gran satisfacción presentar, por fin, o documental que o pasado ano por estas datas gravárase, entre outras localizacions, no noso centro para conmemorar a figura das Irmás Fernández de la Vega, cerne das actividades realizadas para a conmemoración do Día da Muller Traballadora 2015.

Tras un ano de traballo na montaxe, levouse a cabo a súa presentación oficial nas salas da Deputación de Lugo e aquí volo presentamos. Referímonos ao documental titulado: 120 anos do nacemento das irmás Fenández de la Vega que poderedes ver tras esta pequena introdución e as imaxes.

DOCUMENTAL de VISIBILIZACIÓN E RECOÑEMENTO ACADÉMICO e SOCIAL DAS IRMÁS JIMENA e ELISA FDEZ. DE LA VEGA LOMBÁN.

Este documental naceu en paralelo ós actos que con motivo do 8 de marzo de 2015 fixemos no IES Lucus Augusti, adicados a estas exemplares alumnas.

A historia do noso IES, arrinca a mediados do século XIX, escolarizando a rapaces e rapazas de toda a provincia. Sabiamos que dúas irmás xemelgas, nacidas en Vegadeo (1895), Jimena e Elisa Fernández de la Vega, que fixeran o bacharelato no Instituto de Lugo entre 1909 e 1913, remataron sendo as primeiras mulleres licenciadas en Galicia e Asturias.

Non foi doada a súa estancia universitaria, xa que eran increpadas con comentarios despectivos polo personal masculino. Mais, a pesar disto, foron as mellores da súa promoción, levando Jimena o Premio Extraordinario de Fin de Carreira.

Elisa, casou, tivo tres fillos, deu clases en Facultades de Mediciña e atendeu consulta na casa. Á vez daba conferencias antibelicistas e publicaba artigos científicos co seudónimo de Zoraida. Morreu aos 37 anos e o seu marido, republicano, tivo que exiliarse na Arxentina, quedando os nenos con Jimena.

Esta durante un periplo por toda Europa (Berlín, Xénova, Viena, Hamburgo, etc.) onde traballou cos mellores investigadores (Friedrich Kraus, Theodor Brugsh, Erwin Baur, Hermann Poll) voltaría a España onde tamén traballaría cos mellores de aquí  como: o doutor Pittaluga, Nóvoa Santos ou Gregorio Marañón. Este chegaría a dicir dela:

“Es gallega, y eso quiere decir que es aguda, inteligente y poco dada a dejarse llevar por arrebatos imaginativos. Cualidades excepcionales para el estudio de la Ciencia”.

E Marañón sabía moito de herencias xenéticas.

No 120 aniversario do seu nacemento, fixemos unha exposición divulgativa da vida, traxectoria, aportacións e obras no vestíbulo do noso IES (no arquivo histórico do centro estaban os seus expedientes) e unhas charlas impartidas polo profesor Ricardo Gurriarán e Ánxela Bugallo.

Todo isto, deu lugar ó guión deste documental, realizado polas profesoras abaixo firmantes, coa axuda da Fundación TIC, a colaboración do Concello de Lugo e familiares das Fdez. de la Vega.

Por elas! 

Carmen Díaz Simón

Luisa Grandío de Fraga

 

Finalmente, como complemento, pódese ver a nova da revista dixital  GCiencia,o portal da ciencia galega, que se fai eco da noticia e cita ao centro en repetidas ocasións. Dende aquí, un saúdo.

As sensombreiro-III

Por fin, xa témo-lo  vídeo coas imaxes da exposición de cartaces, paneis informativos e dos chapeus colgados para conmemorar o Día da Muller Traballadora, e o tríptico no que se poden ver a selección de lecturas recomendadas.

triptico-caratula

Este ano estivo adicado “As sen sombreiro” e por iso,o día 8, durante o recreo profesoras, alumnas e persoal non docente acudiu ao vestíbulo para botar ao aire os chapeus. Aquí están algunhas das imaxes que porán punto final á conmemoración por este ano. Tamén incluímos a fotografía publicada , e  cedida, no xornal “El Progreso“.

As “sensombreiro”-2

Na escolla de libros para a exposición, dividimos entre fondos recomendados para o 1º Ciclo da ESO, nos que entrarían fundamentalmente os fondos de banda deseñada (Vida de nai 1 e 2), e aqueles para o 2º Ciclo (La mujer rebelde, El diario azul de Carlota e O diario vermello de Carlota e Todos deberíamos ser feministas).

Finalmente, para lectores adultos, amosamos ensaios como “La pasión de ser mujer” ou “Las sinsombrero” ou “Claros del bosque” de María Zambrano. E libros de lectura novelada como “El club de los viernes” ou “O club da calceta“.

This slideshow requires JavaScript.

Coidamos que é unha mostra o suficientemente atractiva para que todo o mundo poida acceder a aquilo que sexa do seu interese.

As “sensombreiro”

Para conmemorar o 8 de marzo, “Día da muller traballadora”, este ano preparamos unha serie de materiais que se poden dividir en 3 grupos ou apartados.

En primeiro lugar, temos como lema condutor “As sensombreiro“. Refírese á frase pexorativa que recibiron un feixe de mulleres talentosas e relevantes que participaron na chamada “Xeración do 27” e que permaceron no esquecemento até hai pouco tempo. Algunhas, por circunstancias varias, aínda son descoñecidas para a sociedade pero outras xa están a ocupar o espazo que lles corresponde. Falamos de María Zambrano, filósofa discípula de Ortega e Gasset, exiliada moitos anos durante o franquismo; ou de Maruja Mallo, a pintora surrealista por excelencia, recoñecida por Dalí, por Picasso ou por Andy Warhol; ou de Rosa Chacel, escritora moi recoñecida xa morta.

Este será o fío condutor da exposición de libros e de sombreiros que xa temos no vestíbulo. E tamén pódese ver nun dos expositores os retratos e os elementos biográficos máis relevantes de cada unha delas. Eses retratos e a biografía son os que están no libro dixital que aparece ao premer na imaxe que temos a continuación, e co que se pode traballar nas pantallas da clase na hora de titoría.

as sen sombreiro

Pero todo iso complementa un proxecto que está na rede dando os primeiros pasos. É un proxecto “crossmedia” e que se chama precisamente “Las sinsombrero“, no que a maiores da biografía, hai fotos, un proxecto educativo, unha wiki, fragmentos fílmicos etc. Todo iso pódese ver na web realizada expresamente para este momento e que se accede por medio desta ligazón.

E o terceiro apartado é que tamén quixemos aproveitar a circunstancia de que unhas das mulleres é unha gran pintora galega: Maruja Mallo, polo que tamén temos un  un espazo independente, outro expositor, no que se trata a súa figura individualmente. Igualmente, pódese acceder a máis informacións relevantes sobre a pintora, nas seguintes ligazóns:

  • Un blogue, realizado polo alumnado da Escola de Idiomas de Vigo, adicado á súa figura, no que se contextualiza a súa figura, danse informacións sobre a súa vida e preséntase unha escolma da súa obra. Podes acceder, premendo aquí.
  • Un documental dirixido por Antón Reixa, titulado “Mitad ángel, mitad marisco“, que quizais sexa o elemento audiovisual máis completo sobre a súa figura, que foi emitido en rtve: aquí.
  • Finalmente, unha escolma de diapositivas da profesora Ana Rey da súa presentación “Mulleres Creadoras“.

En breve, publicaremos o tríptico de lecturas recomendadas sobre todo este material, o folleto sobre as figuras presentes nos expositores, e algunhas fotos do vestíbulo.

8 de marzo 2015

Coma tódolos anos o 8 de marzo conmemórase o “Día da Muller Traballadora“. Este ano temos moitas e moi relevantes actividades no instituto sobre esta data.

Por unha banda, un pequeno exercicio de lectura e investigación a partir de dous interesantes documentos que se poden descargar en formato .pdf, premendo no título correspondente: “Mulleres na historia da ciencia” e “As primeiras docentes de ciencias na Universidade de Santiago“. Unha vez lidos, pódense respostar as preguntas que se formulan na seguinte imaxe e proceder a un intercambio de impresións.

día da muller

Pero ademais, este ano queriamos que tivera como motivo condutor a figura de dúas irmás xemelgas –Jimena e Elisa Férnández de la Vega-, aproveitando que sobre a súa figura se han levar a cabo diversas actividades durante todo este mes por parte das Concellerías de Cultura e Benestar e Igualdade do Concello de Lugo xunto coa Fundación TIC da Deputación de Lugo, o Departamento de Orientación do centro conseguiu a nosa participación nalgunhas desas actividades. que son as seguintes:

  • 9 de marzo.
    • Inauguración dunha Exposición divulgativa da vida, traxectoria, aportacións e obra das irmás Jimena e Elisa Fdez. de la Vega Lombán que se pode ver xa no vestíbulo.
    • Charla para o estudantado de 3o e 4o da ESO das 13:25 as 14:15 h. a cargo do profesor Ricardo Gurriarán Rodríguez, sobre as dúas irmás.
  • 11 de marzo.
    • Charla para o estudantado de 3o e 4o da ESO das 13:25 as 14:15 h. a cargo da profesora e biógrafa das irmás Fdez. de la Vega, Ánxela Bugallo (que o mesmo día, para todo o público, ás 18’00 h. no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra levará a cabo a conferencia “Abrindo caminos: As primeiras licenciadas“.

Son moitas cousas, das que daremos máis información nos vindeiros días, pero se queredes ter unha referencia de quen foron as dúas irmás, podes mirar nas entradas correspondenstes a cada unha delas en culturagalega.org: sobre Jimena e sobre Elisa.

“One Woman”

Interesante iniciativa a da ONU-Mulleres, unha entidade da ONU para fomenta-la igualdade de xénero, que para conmemora-la data do 8 de marzo conseguiron o apoio de mulleres artistas de diversas nacionalidades de todo mundo para realizar unha canción titulada así: “One woman“. A canción pódese mercar a través de varias canles e os cartos conseguidos serán empregados para mellorar a súa vida. O custe é de só 0’70€.

Podes acceder á máis información, e escoitar a canción, ou mercala, na web de “One Woman“, premendo na imaxe.

8 de Marzo-Día da Muller Traballadora

Para conmemorar esta data temos aquí unha serie de materiais cos que podemos traballar na aula.

  • En primeiro lugar, un video de Radialistas.net no que se fai unha pequena cronoloxía que nos amosa como se chegou ao establecemento desta data: so feitos históricos nons que se insire a conmemoración.

 

  • A continuación, tes outro video realizado pola organización ATTAC, na que se trata -aínda hoxe- o tema da igualdade de xénero: como o lema da exposición do vestíbulo “o que non se menciona, non existe”. Neste video, hai varias teses que poden dar para un bo debate.
  •  Finalmente, tedes un carrusel de fotos no que se resume a exposición que temos no vestíbulo do Centro. Nela, aparecen materiais diversos colleitamos de múltiples procedencias como un impresionante traballo realizado hai tempo no IES Pontepedriña, de Compostela. Neste carrusel, seleccionamos algunhas nada máis e inserimos algúns enunciados que tamén poden servir para darlle unha voltiña á cabeza. Para velo, non tes máis que premer na imaxe.

  • Dende o IES “Frei Martín Sarmiento” de Pontevedra chéganos este interesante video, realizado por alumnos de PDC, titulado “Mulleres galegas“. Dende aquí agradecémoslles o aporte e felicitámolos polo gran traballo realizado.