Estrea cinematográfica de “A praia dos afogados”

O pasado día 9 estreouse comercialmente a película “A praia dos afogados” baseada na novela do mesmo título de Domingo Villar, que vén sendo a continuación da anterior e exitosa “Ollos de auga“, que varios grupos tiveron, e teñen, como obra de lectura recomendada na materia de Lingua Galega.

A película, que foi rodada en Vigo e arredores e que conta con gran parte do equipo técnico galego e coa maior parte tamén de actores galegos, está dirixida por Gerardo Herrero, guionista, director e productor de ampla carreira, cun guión creado polo propio novelista.

O protagonista é Leo Caldas, inspector de policía e que tamén participa nun programa radiofónico de atención cidadá, que ten que resolver o aparente suicidio dun mariñeiro pero no que a autopsia leva a sospeitar que, en realidade, é un asasinato.

Aquí temos o trailer da película para que sirva de aperitivo.

A Praia Dos Afogados – TRAILER galego from Tornasol Films on Vimeo.

Advertisement

Recomendacións para o verán

A piques de rematarmos xa as clases, deseñamos esta nova Guía de Lecturas con recomendacións para o verán.

Como veredes hai un pouco de todo. Dende libros de ficción (“Cuatro“, da serie Diverxente), até obras que tocan a divulgación científica (“O científico que derrotou a Hitler), e dende a Banda Deseñada actual (A vitoria final) até outro tipo de ficción aparentemente máis infantil (Mortadelo ou a Historia de aquí de Forges). Tamén hai sitio para outra triloxía xuvenil, a coñecida Ámote Leo de Rosa Aneiros, e tamén para a serie negra do país (a continuación dunha das lecturas obrigatorias de galego: A praia dos afogados, unha nova aventura de Leo Caldas, escrita por Domingo Villar), e para unha autobiografía novelada sobre “O Piloto“, o derradeiro dos maquis/guerrilleiros mortos en todo o estado. Para rematar dous libros de lucenses: por unha banda, unha das nosas debilidades, o último libro do lucense Miguel Anxo Murado –La invención del pasado-, que sirve para desvelar algunhas das fantasías históricas que se espallan e son admitidas como verdade universal e pola otra, unha novela ambientada na antiga Lucus Augusti –Las hijas del César-, que vén moito a conto agora que falta pouco para o “Arde Lucus”.

Aquí queda o tríptico (non hai máis que premer na imaxe da galería onde está o selo da Biblioteca)  por se queredes botarlle unha ollada e, coma sempre, tódalas obras están no noso expositor.

Domingo Villar e “A praia dos afogados”

Hoxe vén de coñecerse como esta obra –A praia dos afogados– de Domingo Villar, que moitos tedes lido e que se atopa na nosa biblioteca é unha das 7 obras finalistas do premio Dagger. Este é, seguramente, o premio máis afamado  a nivel internacional sobre a temática centrada na chamada novela negra.

Con esta nominación, que se resolverá a finais do mes de xullo, recoñécese o labor e a escrita deste autor en galego e mais tamén da súa tradutora ao inglés, Sonia Soto. Xa foi unha obra varias veces premiada (por exemplo en 2010, pola Federación de Libreiros de Galiza) e que tamén foi traducida ao castelán sendo tamén moi recoñecida.

Dende aquí desexámoslle sorte con este galardón tan importante.