Repercusión da exposición “O ensino polo aspecto”

Pasados xa varios días dende que se presentara a exposición “O ensino polo aspecto“, que está reseñada unhas notas antes, podemos ver hoxe na rede un pequeno artigo no xornal “El Progreso” no que se fai referencia dela. Polo seu interese deixamos aquí a ligazón.

No artigo, destácase o papel didáctico e visual das placas de cristal dende finais do XIX até a década dos 40 do século XX que será cando comezan a aparecer as diapositivas.

Nace unha periodista?

Hoxe temos o honor de celebrar o primerio artigo dunha alumna nosa no periódico local. A historia vén de atrás. Hai xa varios anos que contamos en determinadas datas, cando a Semana da Prensa, coa colaboración de José Manuel Freire, redactor-xefe de “El Progreso”. Na última edición, no pasado abril, comentáranos que estaban pensando en crear unha nova sección para darlle a voz a cidadáns particulares de tal xeito que foran eles os que escribiran un artigo que sería publicado.

Así, recentemente, pediunos que lle facilitármos un feixe de nomes de alumnos que estiveran en disposición de participar na recén creada sección. Entre eles estaba Helena Risco, que na actualidade ten 14 anos e cursa 3º da ESO e que ten gañados uns cantos premios de escritura e debuxo, tanto na nosa Biblioteca coma na Biblioteca Nodal Provincial.

Pois ben, hoxe puidemos ver o seu primeiro artigo no xornal, e que consitiu en toda unha páxina enteiriña na sección Mundo. Vós opinaredes sobre a calidade do artigo e a súa capacidade expresiva.

Helena

Páxina de “El Progreso”

Conmemoración do Día Mundial do Libro

Como vén sendo tradicional, no noso Centro lévase a cabo algunha actividade especial para conmemorar o “Día Mundial do Libro“. Este ano, celebrouse un concurso de redacción e un pasarrúas, no noso patio, no que participaron o alumnado de toda a ESO. Algúns, tocaban instrumentos, outros formaban parte do grupo de esforzados ximnastas que crearon cos seus exercicios as letras de C-E-R-V-A-N-T-E-S, outro grupo recitaba e, finalmente, o resto miraba e participaba. Todos ao rematar o acto, aplaudirían ás gañadoras do concurso. Que, si, foron todas rapazas.

Tivemos a sorte de contar como testemuña cun fotógrafo de “El Progreso” que tirou unhas fotos que deron pé a unha pequena noticia cun bonito título: “Letras coas que se crean mundos“.

foto progreso

Foto: El Progreso

Nós tamén temos algunhas fotos do acto pero non tan espectaculares. De tódolos xeitos, velaí as tedes para que, tamén, as desfrutedes e tamén vexades as gañadoras do concurso cos seus premios e con Fernanda, que levou a cabo gran parte do traballo de coordinación dos diferentes Departamentos (grazas especiais a Música e Educación Física).

O mellor refuxio do Lucus Augusti

O pasado día 18 de abril publicouse no xornal local “El Progreso” unha entrevista con parte do Equipo da Biblioteca que versaba sobre a nosa Biblioteca. O titular é engaiolante: “O mellor refuxio do Lucus Augusti” e tanto nos gustou que por iso titulamos así esta nota. Na entrevista, fálase da evolución habida na biblioteca nos últimos tempos e como, a pesar de tódalas eivas, é unha das instalacións de maior uso, e maior aceptación, do noso Centro como proban as 2 fotografías que ilustran o artigo. Alúdese tamén a que un feito fundamental no cambio experimentado foi a inclusión no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE). O alumnado dos cursos superiores aínda lembrarán as vellas instalacións e, por iso, son máis conscientes do cambio.

É unha mágoa pero para poder lelo enteiriño hai que acceder ao pago. Polo menos nos queda a referencia na rede e as fotografías que falan por si mesmas. Podes acceder á noticia, premendo na fotografía.

682675

Alumnos do Instituto na Biblioteca durante os períodos de lecer. (Foto: El Progreso)

Semana da Prensa 2014

Recén rematado o mes de marzo, xa temos por fin, o video sobre a actividade levada a cabo durante a “Semana da Prensa”. Coma tódolos anos, o nivel escolleito foi 3º da ESO. Eles estudaron os medios de comunicación, prestando especial atención á prensa escrita, seleccionaron noticias, colocáronnas nos blogues de Lingua Castelá, e fixeron comentarios.  E de novo puidemos contar coa amable colaboración de José Manuel Freire, Redactor-Xefe de “El Progreso” que solventou gran parte das dúbidas e conferenciou sobre o papel da prensa e a relación coa Biblioteca Escolar, e tamén sobre como se condecciona un periódico na era dixital.

Nesta ocasión, como circunstancia curiosa, tamén participaron uns alumnos daneses que estaban de intercambio no noso centro devolvendo a visita que outros alumnos fixeran aló en setembro. Seguro que seguirán dende Roskilde a publicación do vídeo que testemuña a experiencia e lembrarán as experiencias nesta cidade e no instituto.

E sen máis demora aquí está.

Semana da Prensa-2013

Rematada xa a Semana da Prensa, e despois de tantos exames e avaliacións, chega o momento de facer balance da actividade deste curso. Este ano, coma o pasado, contamos coa inestimable colaboración de José Manuel Freire, redactor xefe do periódico local “El Progreso“, que propuxo a realización dun taller sobre os medios de comunicación, e nos que se traballou na creación de varios blogues nos que o alumnado de 3º ESO participante, seleccionou titulares de varios medios de comunicación. Durante toda a semana, levouse a cabo a recompilación de titulares para posteriormente pasar a un debate no que se deu a coñecer como se “fabrican” noticias (caso da falsa morte de Chávez, adiantada polo xornal “El País”, que pasou de primicia a un fiasco enorme, tamén dende o punto de vista económico, pois supuxo retirar dos quioscos unha enorme cantidade de exemplares xa dispostos para a venda), como evolucionan outras novas de grande actualidade estes días: asunto Bárcenas, ou asunto Urdangarín, por exemplo.

Tampouco faltou unha reflexión sobre como evolucionou a profesión de periodista por mor da aplicación das tecnoloxías actuais. Aquí tedes o carrusel, no que se amosa o comezo do taller, o debate e a clausura, no que o noso convidado foi obsequiado cun pequeno agasallo.

[kml_flashembed publishmethod=”static” fversion=”8.0.0″ movie=”http://bibliolucus.blogaliza.org/files/2013/04/Semana-da-prensa-marzo-2013.swf” width=”470″ height=”350″ targetclass=”flashmovie”]

Get Adobe Flash player

[/kml_flashembed]

Tamén no xornal “El Progreso” se fixeron eco do taller e da colaboración entre ese medio de comunicación e o noso centro, a través dun pequeno avance titulado: Mozos ben informados. Podedes velo aquí.

Visita ao xornal “El Progreso”

Os alumnos de 3º e 4º da ESO realizaron en diferentes quendas unha visita ao xornal local “El Progreso“. A visita enmárcase tanto nos actos do 200 aniversario do xornal que facilita a visita e acceso ás súas instalacións e a realización dalgunha práctica do traballo de periodista, como co 170 aniversario da fundación do noso IES.

Nesta ocasión o noso alumnado incluso puido simular o traballo de realización de creación de noticias e subilas á “primeira plana” do xornal como se pode ver na imaxe seguinte (fixádevos na noticia da parte inferior).

Exposición “Material escolar antigo”: II

Unha notiña para comentar que onte tivemos un pequeno momento de gloria, pois o xornal da nosa cidade “El Progreso“, menciónanos xunto con outros institutos, tamén de Lugo, como motivo de orgullo polos premios, este é o caso do IES “As Mercedes”, -parabéns para eles polo premio acadado- ou por actividades que desenvolven e que, no xornal, consideran dignas de mención.

No noso caso, refírese á “Exposición de Material escolar antigo“, que organizada pola Biblioteca, e aproveitando os fondos que temos tanto na Biblioteca Histórica coma no Arquivo, se pode ver estes días. Xa con anterioridade tiñámonos referido a como, sobre todo entre os pais, provocara unha certa curiosidade  ver moitos dos obxectos, libros ou materiais que eles tiveran e manexaran cando moitos deles estiveran no noso instituto cando eran adolescentes..

Para ver a referencia completa da noticia, preme na fotografía que apareceu no xornal, e na que unha profesora explica a varios alumnos os usos do material e curiosidades diversas sobre os libros antigos.

Exposición material antigo na escola