22 de abril. Día da Terra

Hoxe, 22 de abril, celébrase a nivel internacional o “Día da Nai Terra“. A historia da conmemoración arrinca cando un activista e senador norteamericano chamado Gaylord Nelson, xunto con outras persoas e grupos, aló polo 1970 organizou unha manifestación para presionar ao goberno norteamericano para que este prestara máis atención ao coidado e preservación do medio ambiente. Tras ir reunindo, paseniño, o apoio de máis de 2.000 universidades, máis de 10.000 centros de primaria e de secundaria, e unha moitedeume de asociacións e grrupos, o goberno estadounidense rematou por crear a “Environmental Protection Agency” (EPA) -Axencia de Proteción Ambiental-, que hoxe segue a existir.

Non será até o ano 2009 que a ONU crea este “Día Internacional da Terra” para que a data sirva de concienciación sobre problemas como a destrución da biodiversidade, a superpoboación ou a contaminación. E dende entón celébrase con desigual apoio a nivel internacional. Premendo aquí, accederás á folla da ONU coa mensaxe do Secretario Xeral da ONU para este ano e onde se fala dos “Antecedenetes” desta data.

Aínda máis nos sorprendeu atopármonos, hoxe, que Google tamén conmemoraba esta data cun dos seus “doodles”. É o que temos na imaxe inferior. Se premes nel, chegas a un cuestionario onde se xogaba, por medio das respostas, a ver con que animal temos máis semellanzas e nos identificamos máis. Probádeo porque é bastante coñero.

Doodle-dia terra 2015

Igualmente, se premes na seguinte ligazón de “La Voz de Galicia“, accedes ao apartado de “A Voz da Escola” onde aparecen uns poemas de Gabriela Mistral e Antonio Machado e dun indíxena canadiano sobre o que representa o planeta.

Finalmente, aquí tamén podes ver un impresionante vídeo, creado por imaxes da NASA, no que se pode ver a enorme variedade de fenómenos presentes neste barco no que todos estamos a navegar.

Advertisements

Xogos de inverno: unha ocasión para a tolerancia

En días anteriores víamos imaxes nas diferentes cadeas de televisión, que facían alusión aos vindeiros campionatos deportivos na cidade rusa de Sochi. Aparecían tamén declaracións do alcalde con argumentos tan curiosos como: “os homosexuais serán admitidos na cidade sempre que respecten as leis“. Igualmente o presidente de Rusia, Vladímir Putin, declaraba que os homosexuais serán benvidos sempre que “deixen sós aos rapaces”. Igualmente, nunhas declaracións recentes, tamén, a actual campiona mundial de salto pértiga actualmente retirada -Ielena Isinbáieva- xustificaba como podía o seu apoio á política homófoba do seu país. E tampouco hai moito tempo, unha dirixente política española encerellábase toda tratando de argumentar que homes e mulleres somos diferentes en non é ben a súa mestura.

Fronte a isto, salientamos que hoxe no buscador de Google pódese ver nun doodle a súa particular homenaxe crítica a este tipo de conductas, que supón unha chamada á tolerancia. E como quizais non durará máis que o día de hoxe, nós apuntámonos tamén a esta declaración (hai poucos días esparexiamos polo noso instituto os artigos dos “dereitos humanos” no que se indicaba que “tódalas persoas somos iguais en dereitos”) e por iso temos unha captura de pantalla para que permaneza no tempo esta chamada contra a discriminación e a prol da tolerancia.

 

 

O “Día das Letras” en Google.

Hai xa uns días na web de actuable.es apareceu unha campaña, creada por Juan Estévez Pin, para recoller sinaturas para solicitar a Google que o 17 de maio, “Día das Letras Galegas“, estableza un “doodle” en conmemoración dese día adicado este ano a Valentín Paz Andrade. Non queda moito tempo, pero para participar tan só hai que premer na ligazón do final deste artigo que nos conducirá á folla web, e da-los nosos datos.

Coma quer que sexa que ese mesmo día 17 de maio é ademais o “Día da Internet“, este semella ser un xeito novidoso e chamativo para que a lingua galega teña unha maior presenza internacional.

Apúntaste? Para ir tan só tes que premer na seguinte imaxe.