DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

violenc-xenero-16

Desde 1981 Latinoamérica, e o resto do mundo, conmemora cada 25 de novembro o día contra a violencia de xénero. Os movementos feministas da rexión, cunha das taxas máis altas de violencia contra a muller, acuñaron esa data en honra ás dominicanas Minerva, Patria e María Teresa Mirabal, tres irmás asasinadas o 25 de novembro de 1960 por orde do ditador Rafael Leónidas Trujillo, do que eran opositoras. Anos máis tarde, en 1999, a ONU sumouse á xornada reivindicativa e declarou cada 25 de novembro Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, en honra ás irmás Mirabal.

O Equipo da Biblioteca do IES Lucus Augusti quere concienciar a toda a comunidade educativa sobre esta lacra mediante mensaxes visuais a través de siluetas. Aquí témo-lo vídeo de todo o exposto polo centro adiante.

E se queres ve-las fotos, preme  aquí .

120 aniversario das irmás Fernández de la Vega: o documental.

É para nós unha gran satisfacción presentar, por fin, o documental que o pasado ano por estas datas gravárase, entre outras localizacions, no noso centro para conmemorar a figura das Irmás Fernández de la Vega, cerne das actividades realizadas para a conmemoración do Día da Muller Traballadora 2015.

Tras un ano de traballo na montaxe, levouse a cabo a súa presentación oficial nas salas da Deputación de Lugo e aquí volo presentamos. Referímonos ao documental titulado: 120 anos do nacemento das irmás Fenández de la Vega que poderedes ver tras esta pequena introdución e as imaxes.

DOCUMENTAL de VISIBILIZACIÓN E RECOÑEMENTO ACADÉMICO e SOCIAL DAS IRMÁS JIMENA e ELISA FDEZ. DE LA VEGA LOMBÁN.

Este documental naceu en paralelo ós actos que con motivo do 8 de marzo de 2015 fixemos no IES Lucus Augusti, adicados a estas exemplares alumnas.

A historia do noso IES, arrinca a mediados do século XIX, escolarizando a rapaces e rapazas de toda a provincia. Sabiamos que dúas irmás xemelgas, nacidas en Vegadeo (1895), Jimena e Elisa Fernández de la Vega, que fixeran o bacharelato no Instituto de Lugo entre 1909 e 1913, remataron sendo as primeiras mulleres licenciadas en Galicia e Asturias.

Non foi doada a súa estancia universitaria, xa que eran increpadas con comentarios despectivos polo personal masculino. Mais, a pesar disto, foron as mellores da súa promoción, levando Jimena o Premio Extraordinario de Fin de Carreira.

Elisa, casou, tivo tres fillos, deu clases en Facultades de Mediciña e atendeu consulta na casa. Á vez daba conferencias antibelicistas e publicaba artigos científicos co seudónimo de Zoraida. Morreu aos 37 anos e o seu marido, republicano, tivo que exiliarse na Arxentina, quedando os nenos con Jimena.

Esta durante un periplo por toda Europa (Berlín, Xénova, Viena, Hamburgo, etc.) onde traballou cos mellores investigadores (Friedrich Kraus, Theodor Brugsh, Erwin Baur, Hermann Poll) voltaría a España onde tamén traballaría cos mellores de aquí  como: o doutor Pittaluga, Nóvoa Santos ou Gregorio Marañón. Este chegaría a dicir dela:

“Es gallega, y eso quiere decir que es aguda, inteligente y poco dada a dejarse llevar por arrebatos imaginativos. Cualidades excepcionales para el estudio de la Ciencia”.

E Marañón sabía moito de herencias xenéticas.

No 120 aniversario do seu nacemento, fixemos unha exposición divulgativa da vida, traxectoria, aportacións e obras no vestíbulo do noso IES (no arquivo histórico do centro estaban os seus expedientes) e unhas charlas impartidas polo profesor Ricardo Gurriarán e Ánxela Bugallo.

Todo isto, deu lugar ó guión deste documental, realizado polas profesoras abaixo firmantes, coa axuda da Fundación TIC, a colaboración do Concello de Lugo e familiares das Fdez. de la Vega.

Por elas! 

Carmen Díaz Simón

Luisa Grandío de Fraga

 

Finalmente, como complemento, pódese ver a nova da revista dixital  GCiencia,o portal da ciencia galega, que se fai eco da noticia e cita ao centro en repetidas ocasións. Dende aquí, un saúdo.

Premios “San Clemente”

Tódolos anos o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela convoca o premio literario “Arcebispo Juan de San Clemente” que xa vai pola vixésimo primeira edición no que se escollen varias obras nas modalidades de Lingua Galega, Lingua Castelá e Lingua Estranxeira. Este premio ten a particularidade de que o xurado non son eruditos sesudísimos, nin tan sequera profesores, senón alumnos e alumnas do propio centro.

A maiores, esta edición tamén ten unha segunda particularidade que é que quixeron facer unha homenaxe aos participantes doutros anos, tanto autores premiados como membros dos xurados anteriores. Por iso, nesta edición contan coa colaboración de 4 centros do resto da Galiza, un por provincia entre os que está o noso IES. Compoñén o xurado desta edición, por tanto, o alumnado dos seguintes centros, a parte dos do propio IES convocante: o instituto Xelmírez I de Santiago, o Lucus Augusti de Lugo, o Pintor Colmeiro de Silleda e o Ferro Couselo de Ourense.

Unha vez rematada o proceso da Selectividade, pois os participantes é o alumnado de 2º de BAC, é cando se falla. E, nesta ocasión, os gañadores foron os seguintes nas 3 categorías.

Na categoría de Lingua Galega, A memoria da choiva, de Pedro Feijóo, que se impuxo a  “A lúa da colleita” de Anxos Sumai, e a “Somnámbulos” de Suso de Toro,

Na categoría de Lingua Castelá, triunfou “El impostor” de Javier Cercas, sobre “El balcón en invierno” de Luis Landero e “Así empieza lo malo” de Javier Marías.

E na categoría de Lingua estranxeira, impúxose “El testamento de María” do irlandés Colm Tóibín que tivo máis puntos que “Expo 58” de Jonathan Coe e “Barba Azul, de Amèlie Nothomb.

Día do Libro-Materiais

Xa temos aquí o material das actividades sobre o Día do Libro deste ano. Están tamén en formatos diversos para que cada quen escolla o que máis lle guste.

En primeiro lugar, sobre a “Exposición de Profesores-Autores” e, en segundo lugar, a outra “Exposición sobre a conmemoración dos 400 anos da segunda parte de “El Quijote”, na que se poñían en relación textos da obra a carón das esculturas de Suso de Marcos (a quen dende aquí agradecemos enormemente que nos permitira usar imaxes de parte da súa obra para  a exposición). En ámbolos dous casos, temos unha imaxe estática que ao premer nela se despregará un libro virtual para podela ver o contido de calquera das exposicións con máis vagar.

Poster-antonioCartel Día do Libro

Da segunda das exposicións tamén temos un vídeo, que é o que segue.

Finalmente, a Guía de Lecturas que editamos para ese día, con novidades que presetntamos para ese día, algunha das cales foi petición do alumando, e que se poden coller nos estantes da nosa Biblio.

Día do libro

 

IV Concurso Intercentros

O pasado venres celebrouse o IV Concurso Lucus Intercentros no que os diferentes institutos da nosa cidade escollen un equipo de 1º de BAC que os represente para participar. Este ano o noso IES tivo a fortuna de chegar á final e vencer, realizando un gran papel. Aínda que se podía ver todo o concurso on-line, e algúns compañeiros dos participantes estiveron animándoos dende a televisión do vestíbulo, aquí subimos tan só a final, pero podes ver todo o concurso entrando na folla da Fundación TIC.

Aquí tes o vídeo da final:

E aquí, unha nova sobre o concurso con entrevistas a algúns dos participantes:

10 de decembro-Conmemoración

Remata xa a semana ampla, na que se tratou o tema dos Dereitos Humanos, que aínda colea nas derradeiras sesións de titoría antes das vacacións de Nadal.  Na nosa exposición, como xa se indicara, a carón das fotografías e dos comentarios realizados por autores relevantes como a periodista Maruja Torres, ou os escritores Juan José Millás ou Goitysolo, tamén aparecía polo seu interese o discurso de Gervasio Sánchez cando recibiu o premio Ortega e Gasset. E tamén, para gañar en “interactividade” colocouse un espazo para que, quen quixer, colocara os seus comentarios sobre dúas fotografías ou sobre o conxunto da exposición.

Agora, xa é hora tamén de ir recollendo os materiais e, por iso, como clausura, deixamos aquí as fotos dos paneis do vestíbulo onde se realizara, antes de deixalo todo libre para colocar as recomendacións de lectura para o Nadal.

 

Exposición “Material escolar antigo”: III

A Exposición que temos no vestíbulo do noso Centro sobre material escolar antigo segue a ter repercusión, máis aló dos muros do instituto. A pasada semana estivera aquí un equipo da TVG rodando unha pequena reportaxe para mostrar no programa “Revista da Fin de Semana.

No vídeo que se presenta a continuación, podedes ver o que se emitiu para toda Galiza no citado programa, no que interveñen dúas profesoras e dous alumnos, e no que tamén hai unha imaxes dalgúns dos fondos que pertencen á nosa Biblioteca Histórica.

Noutra nota anterior, tamén poñiamos algunha imaxe dunha reportaxe feita polo xornal “El Progreso” cando comezara esta exposición e tamén pasou por aquí “La Voz de Galicia” pero non puidemos pór nin tan sequera a ligazón porque é unha das páxinas de pago; o que indica a relevancia da noticia que ocupara 2 follas enteiras na edición do domingo 28 de outubro.

Todo isto, é a preparación para a Exposición central deste curso no que se conmemorará o 170 aniversario da fundación do noso Centro que é, por tanto, o máis antigo da Galiza, e un dos dez máis antigos de España, e que dará comezo a finais deste mes.  Non cabe dúbida de que se están quentando os motores para ese momento.

(Nota: para ver o vídeo, hai que premer na parte central da imaxe. Se aparece se son, hai que premer outra vez. Cousas da técnica).

Exposición de Libros de Texto antigos

OSCAR CELAHoxe saímos na prensa con motivo da Exposición de Libros de Texto antigos. Organizada pola Biblioteca, no vestíbulo do IES, xa vistes que hai unha exposición de Libros de Textos antigos. Son libros dos fondos da Biblioteca, que están retirados á vista do público en xeral porque están na dependencia denominada: Biblioteca Histórica. Como sabedes o noso centro é o IES máis antigo da Galiza e estivo radicado en varios edificios antes de chegar o actual. É por iso que entre os fondos xerais do Centro aparece a colección de aves, a de animais disecados e incluso, as pezas que están expostas no Museo.

Para que o alumnado, e o público en xeral, poida coñecer e desfrutar destes fondos históricos, de cando en vez, faise unha exposición máis ou menos temática. Nesta ocasión tocoulles aos Libros de Textos de plans de educación anteriores. Así, aparecen libros do ano 1934, ou libros de texto algo máis recentes, realizados por ex-ministros -como o de Fuentes Quintana-, si o dos “Pactos da Moncloa” -que dirían os de 2º de BAC, e que eran os que se estudaban no seu momento.

En breve esperamos, traer tamén a exposición a este apartado virtual, pero mentres tanto, tamén a prensa local tense interesado pola exposición. Na seguinte ligazón podedes ver un pequena escolma fotográfica, obra de Óscar Cela, publicada en “La Voz de Galicia“. En breve estará a nosa.

Setembro 2011: Unha outra nova xeira

Portada do libro

Comezamos un novo curso e aínda que se están a da-los últimos retoques para que todo estea no seu sitio na Biblioteca, hoxe informamos dun acto que terá lugar proximamente. O vindeiro xoves, día 29, un profe do noso IES, Manuel Celso Matalobos en colaboración con Olga Patiño, presenta un novo libro: Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación.

O libro está editado por Bubela, e se queres saber un pouco máis del, sobre que vai, as temáticas ou o significado do movemento poético, podes ver o comentario que fai Armando Requeixo no seu blogue, ou ler o resumo da conferencia de Xosé Manuel Valcárce pronunciada no derradeiro Día das Letras.

Se, tras esa información, apetéceche asistir á presentación, velaí tes o teu billete co día, hora e lugar.