120 aniversario das irmás Fernández de la Vega: o documental.

É para nós unha gran satisfacción presentar, por fin, o documental que o pasado ano por estas datas gravárase, entre outras localizacions, no noso centro para conmemorar a figura das Irmás Fernández de la Vega, cerne das actividades realizadas para a conmemoración do Día da Muller Traballadora 2015.

Tras un ano de traballo na montaxe, levouse a cabo a súa presentación oficial nas salas da Deputación de Lugo e aquí volo presentamos. Referímonos ao documental titulado: 120 anos do nacemento das irmás Fenández de la Vega que poderedes ver tras esta pequena introdución e as imaxes.

DOCUMENTAL de VISIBILIZACIÓN E RECOÑEMENTO ACADÉMICO e SOCIAL DAS IRMÁS JIMENA e ELISA FDEZ. DE LA VEGA LOMBÁN.

Este documental naceu en paralelo ós actos que con motivo do 8 de marzo de 2015 fixemos no IES Lucus Augusti, adicados a estas exemplares alumnas.

A historia do noso IES, arrinca a mediados do século XIX, escolarizando a rapaces e rapazas de toda a provincia. Sabiamos que dúas irmás xemelgas, nacidas en Vegadeo (1895), Jimena e Elisa Fernández de la Vega, que fixeran o bacharelato no Instituto de Lugo entre 1909 e 1913, remataron sendo as primeiras mulleres licenciadas en Galicia e Asturias.

Non foi doada a súa estancia universitaria, xa que eran increpadas con comentarios despectivos polo personal masculino. Mais, a pesar disto, foron as mellores da súa promoción, levando Jimena o Premio Extraordinario de Fin de Carreira.

Elisa, casou, tivo tres fillos, deu clases en Facultades de Mediciña e atendeu consulta na casa. Á vez daba conferencias antibelicistas e publicaba artigos científicos co seudónimo de Zoraida. Morreu aos 37 anos e o seu marido, republicano, tivo que exiliarse na Arxentina, quedando os nenos con Jimena.

Esta durante un periplo por toda Europa (Berlín, Xénova, Viena, Hamburgo, etc.) onde traballou cos mellores investigadores (Friedrich Kraus, Theodor Brugsh, Erwin Baur, Hermann Poll) voltaría a España onde tamén traballaría cos mellores de aquí  como: o doutor Pittaluga, Nóvoa Santos ou Gregorio Marañón. Este chegaría a dicir dela:

“Es gallega, y eso quiere decir que es aguda, inteligente y poco dada a dejarse llevar por arrebatos imaginativos. Cualidades excepcionales para el estudio de la Ciencia”.

E Marañón sabía moito de herencias xenéticas.

No 120 aniversario do seu nacemento, fixemos unha exposición divulgativa da vida, traxectoria, aportacións e obras no vestíbulo do noso IES (no arquivo histórico do centro estaban os seus expedientes) e unhas charlas impartidas polo profesor Ricardo Gurriarán e Ánxela Bugallo.

Todo isto, deu lugar ó guión deste documental, realizado polas profesoras abaixo firmantes, coa axuda da Fundación TIC, a colaboración do Concello de Lugo e familiares das Fdez. de la Vega.

Por elas! 

Carmen Díaz Simón

Luisa Grandío de Fraga

 

Finalmente, como complemento, pódese ver a nova da revista dixital  GCiencia,o portal da ciencia galega, que se fai eco da noticia e cita ao centro en repetidas ocasións. Dende aquí, un saúdo.

Advertisements

8 de marzo 2015

Coma tódolos anos o 8 de marzo conmemórase o “Día da Muller Traballadora“. Este ano temos moitas e moi relevantes actividades no instituto sobre esta data.

Por unha banda, un pequeno exercicio de lectura e investigación a partir de dous interesantes documentos que se poden descargar en formato .pdf, premendo no título correspondente: “Mulleres na historia da ciencia” e “As primeiras docentes de ciencias na Universidade de Santiago“. Unha vez lidos, pódense respostar as preguntas que se formulan na seguinte imaxe e proceder a un intercambio de impresións.

día da muller

Pero ademais, este ano queriamos que tivera como motivo condutor a figura de dúas irmás xemelgas –Jimena e Elisa Férnández de la Vega-, aproveitando que sobre a súa figura se han levar a cabo diversas actividades durante todo este mes por parte das Concellerías de Cultura e Benestar e Igualdade do Concello de Lugo xunto coa Fundación TIC da Deputación de Lugo, o Departamento de Orientación do centro conseguiu a nosa participación nalgunhas desas actividades. que son as seguintes:

  • 9 de marzo.
    • Inauguración dunha Exposición divulgativa da vida, traxectoria, aportacións e obra das irmás Jimena e Elisa Fdez. de la Vega Lombán que se pode ver xa no vestíbulo.
    • Charla para o estudantado de 3o e 4o da ESO das 13:25 as 14:15 h. a cargo do profesor Ricardo Gurriarán Rodríguez, sobre as dúas irmás.
  • 11 de marzo.
    • Charla para o estudantado de 3o e 4o da ESO das 13:25 as 14:15 h. a cargo da profesora e biógrafa das irmás Fdez. de la Vega, Ánxela Bugallo (que o mesmo día, para todo o público, ás 18’00 h. no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra levará a cabo a conferencia “Abrindo caminos: As primeiras licenciadas“.

Son moitas cousas, das que daremos máis información nos vindeiros días, pero se queredes ter unha referencia de quen foron as dúas irmás, podes mirar nas entradas correspondenstes a cada unha delas en culturagalega.org: sobre Jimena e sobre Elisa.