O mellor refuxio do Lucus Augusti

O pasado día 18 de abril publicouse no xornal local “El Progreso” unha entrevista con parte do Equipo da Biblioteca que versaba sobre a nosa Biblioteca. O titular é engaiolante: “O mellor refuxio do Lucus Augusti” e tanto nos gustou que por iso titulamos así esta nota. Na entrevista, fálase da evolución habida na biblioteca nos últimos tempos e como, a pesar de tódalas eivas, é unha das instalacións de maior uso, e maior aceptación, do noso Centro como proban as 2 fotografías que ilustran o artigo. Alúdese tamén a que un feito fundamental no cambio experimentado foi a inclusión no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE). O alumnado dos cursos superiores aínda lembrarán as vellas instalacións e, por iso, son máis conscientes do cambio.

É unha mágoa pero para poder lelo enteiriño hai que acceder ao pago. Polo menos nos queda a referencia na rede e as fotografías que falan por si mesmas. Podes acceder á noticia, premendo na fotografía.

682675

Alumnos do Instituto na Biblioteca durante os períodos de lecer. (Foto: El Progreso)

60 anos neste edificio

No Salón de Actos do Centro exponse unha Mostra Fotográfica que conmemora os 60 anos do Instituto no presente edificio. O noso Centro que pasa por se-lo máis antigo da Galiza -pois foi fundado en 1842 co nome de Instituto Masculino- foi pasando por varios edificios como por exemplo o actual Pazo da Deputación, ou edificios en Monforte.

Porén, a nova que hoxe presentamos é que no Salón de Actos exponse unha Mostra Fotográfica sobre a construción do presente edificio que este ano cumpre o 60 aniversario. En efecto, foi aló polo 1943 cando se coloca a súa primeira pedra, estando presentes tódalas autoridades do momento. De tal exposición e do 60 aniversario, fíxose eco a Televisión Española a través do TeleXornal do seu Centro na Galiza.

Se queres ve-las imaxes, dálle ao play no cadradiño que tes a continuación (tranquis, que tarda un cachiño en cargar).

Download