Novembro. Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Tradicionalmente, este mes de novembro adícase nas Bibliotecas a fomentar as ciencias en galego. Nas Bibliotecas Públicas organízanse un feixe de actividades e exposicións para tódolos públicos. En concreto na Biblioteca Pública de Lugo, son as seguintes:

  1. Día 11: Obradoiro de Ciencia divertida para nenos e nenas de 4 a 11 anos.
  2. Día 18: Megaciencia. Un espectáculo de maxia e ciencia para tódolos publicos.angel-carracedo
  3. Día 25: “As bases xenéticas do cancro“. Unha charla divulgativa de Ángel Carracedo que, por se non o sabedes, é un dos máis importantes persoeiros a nivel mundial en medicina xenómica (o estudo dos xenes para curar enfermidades), sendo o grupo que el dirixe o máis importante a nivel mundial durante o decenio 2001-2011.

Igualmente, durante todo o mes, hai varias mostras bibliográficas: de Ciencias forenses e criminoloxía, no vestíbulo da Biblioteca e de Matemáticas cotiás, na sala de préstamo.

Así, si que se pode

Navegando pola rede chéganos noticia de que un rapaz, Alberto Suárez, alumnos de 1º de BAC do IES “David Buján” de Cambre vén de realizar unha app, compatible cos móbiles Android, sobre a figura de Manuel María, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016, e que, ademais, pódese descargar de balde da tenda de Google Play, premendo na imaxe.

manuelTen un mérito enorme no que supón a aplicación da tecnoloxía para espallar a figura do poeta chairego e darlle pulo a esta lingua nosa, que tan necesitada está. E que todo isto sexa quen de crealo un mozo para un traballo do instituto é para mandar dende aquí os máis grandes parabéns polo realizado e os ánimos, tamén máis grandes posibles, para que siga realizando novos proxectos.

Se queres saberes máis, podes ter toda a información, podes ver esta nova na páxina de “La Voz de Galicia“.

Estrea cinematográfica de “A praia dos afogados”

O pasado día 9 estreouse comercialmente a película “A praia dos afogados” baseada na novela do mesmo título de Domingo Villar, que vén sendo a continuación da anterior e exitosa “Ollos de auga“, que varios grupos tiveron, e teñen, como obra de lectura recomendada na materia de Lingua Galega.

A película, que foi rodada en Vigo e arredores e que conta con gran parte do equipo técnico galego e coa maior parte tamén de actores galegos, está dirixida por Gerardo Herrero, guionista, director e productor de ampla carreira, cun guión creado polo propio novelista.

O protagonista é Leo Caldas, inspector de policía e que tamén participa nun programa radiofónico de atención cidadá, que ten que resolver o aparente suicidio dun mariñeiro pero no que a autopsia leva a sospeitar que, en realidade, é un asasinato.

Aquí temos o trailer da película para que sirva de aperitivo.

A Praia Dos Afogados – TRAILER galego from Tornasol Films on Vimeo.

Apoiamos .gal

Hai moito tempo que colacamos, na parte inferior, do blogue un banner de apoio á asociación PuntoGal. En xullo do ano pasado, o ICANN (o organismo que decide / crea / permite) os dominios da Internet, daba paso á creación do dominio .gal de xeito definitivo e reservaba, nunha primeira fase, un feixe de dominios para institucións. Dende aquela non quedaron quietos, e para conmemorar o Día das Letras xa aparecen un feixe de empresas que ofrecen a contratación do dominio, cunha promoción durante este mes, a metade de prezo.

Hoxe, a Xunta anuncia que, progresivamente, todos os seus dominios iranse trasladando ao .gal de xeito progresivo. Xa hai máis de 2.000 dominios. O do noso IES é un deles.

ieslucus-gal

Visita de Fina Casalderrey

Recentemente estivo no noso centro a autora Fina Casalderrey. É unha moi coñecida e recoñecida autora de novelas e pezas teatrais, que compartiu unha mañá con moitos dos nosos alumnos e compañeiros. Por unha banda estivo cos de 1º da ESO para falar do libro “O misterio de Faro Vello” e, despois, sen que estivera previsto, tamén se prestou para departir con alumnos de 2º de BAC sobre temas literarios.

No vídeo que vén a continuación podedes ver unhas fotografías das dúas xuntanzas e tamén lle engadimos varias portadas dalgúns libros de Fina que se poden atopar entre os fondos da Biblioteca.

Un NADAL en galego

Por unha vez, e sen que serva de precedente, a Xunta decidiu facer algo a prol da lingua e presentou un enderezo dende o que se pode mandar postais de felicitación en galego a través do correo electrónico. Para facelo, tan só tes que premer na imaxe de abaixo, na que aparecen algúns dos bosquexos, e seguir as instrucións.

PostaisE xa postos, recomendámosvos dous enderezos con suxestións que poden servirvos para facer agasallos a familiares e amigos. Son TendaGaliza e Agasallo. Pódese atopar case de todo, dende agasallar unha bandeira, un colante, un dominio.gal ou libros ou dvd’s. Tan só tedes que premer nas imaxes e seredes redireccionados.

agasallo

tendaSe queres ver unha selección do primeiro dos enderezos, e imprimir o folleto, preme na imaxe de abaixo.

agasallo.issu

 

Finalmente, dende aquí desexámosvos Bo Nadal e Felices Festas.

Outubro: Mes da Biblioteca (IV)

Hoxe -mañá- é un día raro porque a práctica totalidade dos elementos que forman parte da Comunidade Educativa, en sentido amplo -ANPAS, Sindicatos de profesores, Sindicatos de alumnos etc.-, teñen convocada unha xornada de folga contra a LOMCE, a chamada “lei Wert”. En fronte, tan só a Administración. Mais non queremos que iso afecte máis do debido polo que esta nota realizarase antes das 00’00 horas do xoves.

Temos aquí o cartel conmemorativo deste ano editado pola Consellería de Educación e que, seguro, xa tes visto polo centro adiante. A autora é Patricia Castelao que é unha coñecida ilustradora que leva publicados un monte de tapas de libros de topo tipo, como podes ver unha pequena escolma deles na ligazón de culturagalega.org.

O cartel está titulado “LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR“, polo que resulta axeitado lembrar un dos videos realizados pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística no que se salienta algo evidente, que a ciencia tamén se pode realizar en galego.

17 maio 2012- Día das Letras Galegas

Por se aínda é necesario, semella que si, argumentar para defende-la lingua, aquí temos un video da autoría de Manuel Núñez Singala e de Manuel Bermúdez Blanco (do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela), no que se refieren ao papel das linguas e ao galego como lingua minoritaria.

Que opinas?

Día das Letras 2012- Valentín Paz Andrade

Despois de navegar un pouquiño na rede, realizamos unha escolma con materiais para traballar a figura de Valentín Paz Andrade, autor a quen se lle adica este ano o Día das Letras.

O CEIP Condesa de Fenosa propón este xogo de preguntas e respostas sobre o Día das Letras Galegas que traza un itinerario dende a súa xénese ata os nosos días. Dous xogadores poden poñer a proba os seus coñecementos competindo dunha maneira lúdica e didáctica. A xogar!
Webquest do IES de Fene sobre a figura, vida e obra de Valentín Paz Andrade, para a ESO. 
Ligazón directa ao artigo biográfico da Galipedia sobre de Valentín Paz Andrade.
A Coordinadora de ENDL ofrece este mapa conceptual en formato pdf, para poder facer una resumo rápido da súa relevancia como persoeiro fundamental da vida galega na súa época. Atende sobre todo ó seu labor como empresario e político.
Caderno de aula, en formato pdf, que inclúe biografía, bibliografía, escolma poética e actividades sobre a vida e a obra do autor. Autoría: rogosece

Liña do tempo sobre os feitos máis relevantes da vida de Valentín Paz Andrade, fornecida polo IES San Paio de Tui.
Outra webquest, neste caso dende o IES “Ribeira do Louro” d’O Porriño; para 2º ciclo da ESO e 1ºBAC.

_________________________________________

Con todo isto, xa hai material abondo para poder traballar a súa importante figura. Damos as grazas os centros e os seus profes por compartir todo isto  que ten unha enorme calidade. Que os disfrutedes.